Arela busca en Bueu persoas e/ou familias dispostas a convivir con adolescentes que cumpran unha medida xudicial
- Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, reuniuse esta semana con membros da asociación para a posta en marcha do programa CONVIVE.COMigo
- O obxectivo é que os/as adolescentes poidan vivir unha tempada nun ambiente socializador e positivo co fin de mudar condutas nocivas
ARELA e a Xunta de Galicia levan a cabo o Programa CONVIVE.COMigo na provincia de Pontevedra, cuxa finalidade é conseguir persoas ou familias que queiran convivir cun/cunha adolescente que teña a obriga de cumprir unha medida xudicial (convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo). Durante este 2026 están a buscar os apoios dos diferentes concellos de cara a que poidan colaborar na difusión do mesmo e así conseguir un banco de persoas ou familias que abarquen diferentes puntos do territorio.
Precisamente esta semana Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, reuniuse con Julio Barreiro, Director da Asociación Arela, e con Eva Piñeiro, técnica do Programa, para acordar a colaboración do Concello de Bueu na difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas neste municipio.
A través do programa CONVIVE.COMigo búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un/unha adolescente con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo, permitiralles ás/aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade, non buscar a satisfacción dun desexo de parentalidade… Á súa vez, valorase positivamente a formación relacionada con ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar, ter unha predisposición a ser formadas en diferentes temáticas como adolescencia e cursos de carácter xurídico.
ARELA ofrece unha formación grupal e individual, e asesoramento con acompañamento de profesionais, e un financiamento de 40 € diarios durante os meses que permaneza o/a adolescente coa familia ou persoa.
Na páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información sobre este programa, así como dende o seu teléfono da súa sede central, 986 21 25 37, ou a través do enderezo electrónico convive@arela.org.
ARELA é unha asociación que leva traballando en Galicia dende o ano 1998 con infancia e adolescencia en situación de desprotección e/ou conflito social, prestando diferentes servizos: Casas de Familia, Centros de Atención de Día Integral e Centros de Intervención Educativo en Medio Aberto (CIEMA) coa Consellería de Política Social.

