Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Alumnado dos IES Johan Carballeira e Illa de Ons descubre a memoria das mulleres represaliadas

A mostra «Rexas.Mulleres baixo o terror franquista» remata hoxe a súa estadía na Praza de Abastos e pode verse ata as 20 horas

A comisaria da mostra Montse Fajardo relatou ao estudantado de ESO e Bacharelato dos dous centros públicos da vila a historia dos abusos que sufriron as mulleres durante o franquismo para concienciar á mocidade sobre un período no que están a traballar nos centros de ensino dentro do itinerario formativo da materia de historia. O profesorado quixo que o seu labor docente se complementase cunha visita a praza de abastos e coa explicación da xornalista, que xa derá unha charla aberta ao público o día da inauguración da mostra o pasado 16 de abril, e que se inseriu nas xornadas «Bueu, espazo para a memoria» que se levaron a cabo baixo a organización da Concellería de Cultura e a Asociación de Amigxs de Johán Carballeira coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tuteladas por varón, igrexa ou a sección feminina.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademais foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.

No caso de Bueu, na mostra represéntanse a Teresa López González, quen foi mestra e sufriu pola súa simpatía coa República varios rexistros no fogar, sendo suspendida de soldo e emprego malia que o seu bo facer na escola fose recoñecido ata polo xefe local da Falanxe. Tamén aparecen as fotografías doutras dúas mulleres rapadas, caso de Carmen Gil, quen estivo presa máis dun mes na Audiencia Nacional, e Ramona Gutiérrez.