Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ciclo Cinemas de Galicia regresa este venres a Bueu coa proxección de ‘Santoalla’

O Concello, Agadic e o Cineclub presentaron esta mañá a nova programación centrada no mellor cine galego e europeo

Cinemas de Galicia traerá a Bueu por segundo ano consecutivo o mellor cine galego e europeo. Responsables do Concello, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Cineclub Bueu presentaron esta mañá a nova edición do ciclo, que dará comezo este venres coa proxección de ‘Santoalla’ no Centro Social do Mar, ás 21 horas. O documental sobre o asasinato dun veciño holandés na localidade ourensá que lle dá título será presentado por Cristina de la Torre, coprodutora da fita.

Cinemas de Galicia “facilita o acceso da sociedade a filmes non só galegos, senón tamén españois e europeos, con premios en festivais internacionais”, apuntou o director de Agadic. Jacobo Sutil lembrou asemade que Bueu exhibiu o ano pasado unha ducia de películas no marco do ciclo Cinemas de Galicia, ás que acudiron preto dun milleiro de espectadoras e espectadores, marcando así o récord de asistencia das vilas participantes, polo que destacou “o bo traballo dos responsables municipais e do Cineclub” neste senso. 

O concelleiro de Cultura, Xosé Leal, incidiu asemade en que esta colaboración entre o Concello a administración autonómica “permite que este tipo de programación audiovisual poida chegar a Bueu”, posibilitando que “estas cintas se visibilicen fóra das salas comerciais” grazas tamén á colaboración do asociacionismo, xa que sen o apoio do Cineclub “sería moi difícil levar a cabo programas deste tipo”. Pola súa banda, a presidenta do colectivo, Alba Sotelo, destacou que “Cinemas de Galicia nos vai permitir gozar de estreas e películas de difícil acceso coas que é un privilexio contar” na nosa vila e procedeu a detallar a programación, pensada para “ofrecer variedade de xéneros e nacionalidades ao público”.

Deste xeito, tras o arranque con ‘Santoalla’, o ciclo continuará o 1 de xuño coa proxección do galardoado filme ‘Estiu 1993’. Tras un descanso no verán, Cinemas de Galicia retomarase o 21 de setembro con ‘Dhogs’, a fita máis premiada na historia dos Mestre Mateo, para continuar amosando ‘La librería’ o 19 de outubro e ‘Stefan Zweig’ o 2 de novembro. Nese mes proxectarase ademais Lady Macbeth, dentro da programación municipal polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero, nunha data aínda por determinar. O ciclo pecharase o 1 de decembro cunha película familiar xa preto do Nadal, ‘O fillo de Bigfoot’.