A Oficina de Turismo recibiu máis de 3000 visitantes na tempada estival

  • O municipio morracense consolida o turismo estatal e de proximidade, e as estatísticas mostran un incremento de 54,39 % máis que o ano anterior
  • O alcalde e a concelleira de turismo salientan que “estes resultados débense a unha colaboración do tecido comercial, hostaleiro e asociativo da vila, así como ás políticas implementadas polo goberno local nos últimos anos”

A vila de Bueu consolídase coma un dos referentes máis atractivos da costa pontevedresa para os e as turistas. Así o demostran as estatísticas da Oficina de Turismo, que este ano recibiu entre xullo e agosto a un total de 3.023 persoas, o que supón un 54,39% máis que no ano 2020 (1.958 persoas). Félix Juncal, alcalde da vila, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientan que “estes resultados débense a unha colaboración do tecido comercial, hostaleiro e de todas as asociacións veciñais, deportivas e culturais, así como ás políticas implementadas polo goberno local nos últimos anos”.  Os rexedores municipais son conscientes de que “a partir de agora temos que traballar para que, ademais de ser un referente turístico, consigamos a excelencia turística, que ten que ver coa mellora e aumento dos servizos para o conxunto da poboación”,  e “polo tanto estes resultados supoñen un estímulo que nos permitirá afrontar novos proxectos que redundarán no incremento da calidade de vida da cidadanía”.

A tempada estival péchase cunha afluencia do turismo estatal e de proximidade, e unha presenza irrelevante de visitantes do estranxeiro. Segundo se destaca na memoria elaborada polo persoal da Oficina de Turismo, se se comparan os datos do mes de agosto dos anos 2019 (antes da pandemia, con 1.277 persoas) e 2021 (1.697 persoas), atopamos un incremento dun 32,89% a favor deste ano”. Así mesmo,  detéctase que en agosto dos anos 2020 (1.297 persoas) e 2021 (1.697 persoas), os dous anos coa incidencia da pandemia, se produciu un incremento do 30,84% a favor do 2021.

En canto ao tipo medio de visitante, as cifras revelan que se trata dunha parella residente en Madrid, de entre 35 e 60 anos, que viaxa en coche, se aloxa en Bueu entre 6 e 8 días nun apartamento de aluguer e como motivación principal busca praias, rutas de sendeirismo, eventos dos que gozar e moverse para coñecer a contorna, é dicir que é un perfil de persoa activa. Neste senso, a concelleira de turismo apunta que tanto a veciñanza como os e as turistas elixen cada vez máis a praia urbana da Banda do Río, na que este ano se puxo en marcha por primeira vez o servizo de socorrismo, e continúan medrando a afluencia aos areais parroquias de Beluso e Cela. A concelleira nacionalista tamén destaca nestes bos resultados a organización de actividades que tiveron moi boa acollida, como as rutas urbanas “Sabor e mar”, as de sendeirismo, e os eventos culturais deslocalizados en diversos lugares e que promoveron a participación da cidadanía local e visitante. Todos estes eventos complementáronse coa gastronomía, cun sector hostaleiro que tivo que adaptarse aos protocolos da Covid-19 e que demostrou ser un dos referentes do municipio.

Sección de aloxamentos turísticos na web

Por outra banda, a concellaría de turismo creará unha sección na páxina web municipal (www.concellodebueu.gal) na que se incluirá un catálogo dos aloxamentos turísticos da vila, polo que se agradece que as persoas que dispoñan destes negocios se poñan en contacto a través do enderezo electrónico turismo@concellodebueu.gal.