Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Mancomunidade do Morrazo reparte os contedores marróns e inicia a recollida selectiva de biorresiduos na hostalaría

  • O ente supramunicipal centra os esforzos nestes produtores singulares posto que son os principais xeradores de biorresiduos
  • A campaña acolle polo momento a dezaoito locais hostaleiros da comarca, aínda que está aberta a adhesión a través do correo info@mancomunidadedomorrazo.gal

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo comezará a próxima semana coa campaña de recollida selectiva de biorresiduos nos produtores singulares. A xerente do ente supramunicipal e as técnicas de compostaxe levan meses traballando na xestión desta campaña e estes días avanzan coa entrega dos contedores marróns entre os dezaoito  restaurantes e taperías da comarca (9 de Bueu, 8 de Cangas e 1 de Moaña) que polo momento se atopan adheridos á campaña.

Cada local recibiu un contedor marrón con pedal e adaptado ás súas necesidades produtivas (120, 240 ou 360 litros), ademais de bolsas biodegradables, pousavasos, e manteis individuais para visibilizar a campaña “Porta a Porta”, que permitirá mellorar a xestión dos residuos e incrementar as taxas de reciclaxe para aproximarse aos obxectivos das diferentes normativas europeas. Segundo salientan Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente da Mancomunidade, e Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente, “iso implicaría ademais unha redución de malos cheiros nos colectores verdes, porque baixaría a carga de orgánico”.

A Mancomunidade centra os seus esforzos na recollida á hostalaría, posto que son os principais xeradores de biorresiduos e de aí  importante papel que xoga a súa colaboración á hora de separar correctamente estes residuos.  Con esta campaña, o ente supramunicipal pretende comezar a implantar as normativas europea e estatal, que esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025. Ademais, a nova lei de residuos de Galicia pretende instaurar antes do 31 de decembro de 2023 a recollida separada dos biorresiduos. Para chegar a estes obxectivos, tanto as administracións públicas como o tecido empresarial e a propia cidadanía, deben asumir as súas respectivas responsabilidades e ser parte activa na recollida e na xestión do lixo.

Segundo informan dende a Mancomunidade, os locais hostaleiros aínda están a tempo de sumarse a esta campaña poden escribir un correo a info@mancomunidadedomorrazo.gal, e posteriormente recibirán unha visita do persoal técnico da Mancomunidade, quen lles informará sobre a dinámica da separación en orixe e a nova sistemática do colector marrón.

Esta iniciativa levarase a cabo no marco das axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020.