Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu adxudica por unanimidade as obras de mellora da Biblioteca Municipal Torrente Ballester

  • A empresa Obras Gallaecia SL será a encargada de levar adiante o proxecto que suporá un cambio radical nesta infraestrutura, e que conta cun orzamento de 915.565,65 €

O pleno da corporación municipal de Bueu reuniuse este venres nunha convocatoria extraordinaria para adxudicar por unanimidade as obras de reforma da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, proposta que saíu adiante por unanimidade de todos os grupos políticos, e que permitirá que esta infraestrutura viva nos próximos meses unha gran transformación tanto a nivel técnico como nos propios usos.

As obras, que se financian con cargo ao Plan ReacPon e o Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, contan cun orzamento de 915.565,65 €, IVE engadido, e foron adxudicadas a Obras Gallaecia SL, quen deberá culminalas antes de abril do próximo ano, tal e como rexen as bases das liñas de subvencións.

Tal e como explicaron hai meses Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de bibliotecas, esta ambiciosa obra suporá melloras tanto a nivel arquitectónico como de conceptos. O proxecto adaptarase ás esixencias dunha biblioteca do século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.

A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica),  de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos). Segundo salienta o rexedor “queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural e adaptado ás esixencias e demandas do século XX”.  

O pleno tamén serviu para dar conta da renuncia da concelleira socialista María Elisa Dios Ríos e da súa substitución por Manuel Barreiro Regueira.