Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As Lagoas acolle esta fin de semana a feira de oportunidades «Bueu Non Stock»

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou no acto inaugural que “hoxe é un día para o reencontro”
  • As persoas que desexen visitala poderán facelo durante toda a fin de semana en horario de 10 a 14 e de 18 a 23 horas
  • Participan dezasete comercios da comarca, que ofrecerán descontos de entre o 40 e o 70%, e tamén haberá hinchables para a cativada

O aparcadoiro de As Lagoas, na zona dos Xardíns de Urbano Lugrís, acolle esta fin de semana a feira de oportunidades “Bueu non stock”, organizada pola Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu (ACIBU) e a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO), coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Bueu, e que busca que o comercio de proximidade poida vender existencias e stocks de temporadas pasadas con importantes descontos e a prezos moi atractivos. Precisamente, esta mañá tivo lugar a inauguración oficial do evento e as autoridades locais e autonómicas participaron nunha pequena visita polos comercios. Félix Juncal, alcalde da vila, destacou que “hoxe é un día para o reencontro, pois todos lembramos aquel comezo no ano 2009 coa Bueu Mostra” e apelou á colaboración que establece o Concello co comercio “cunha unión da que nacen proxectos de envergadura coma esta feira que tamén nos dá moita felicidade, ao tempo que é un escaparate para darse a coñecer”. Pola súa banda, Ana Ave, presidenta de Fecimo, insistiu nesa ledicia compartida, pois “só unindo forzas é posible sacar o comercio local adiante”.

Manuel Heredia, Director Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, salientou que “este proxecto é posible grazas ás axudas para o fomento de iniciativas para centros comerciais abertos, como é este caso, para o que tamén hai que agradecer o esforzo dos e das comerciantes por traer os seus produtos a este espazo”.

Na feira haberá descontos de entre o 40 e o 70% e participan un total de dezasete comercios da comarca de O Morrazo: 7 Fresas, Aleali Zapatería, Cinaniashop, Colorín Colorado, Cousiñas de Kela, El Hilo Rojo, El Rincón de Aria, Eli Bonet, Gáidil, Yoyería Artegalia, Joyería Perfumería Castro, Lencería Irelba, Melena de León, Muy Mía, Nene’s Moda Infantil, OSBS Clotihng e Pepeluchos. Así mesmo, as persoas que realicen as súas compras durante estes días poderán ter vales para que os máis pequenos e pequenas gocen de inchables instalados na contorna.

Ao acto desta mañá tamén asistiron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Xosé Leal, concelleiro de cultura, educación e medio ambiente, e Elena Estévez, voceira do PP.