A corporación bueuesa celebrou este luns o pleno ordinario
- Na sesión, que tivo unha duración de máis de tres horas, aprobáronse varias mocións pola vía da urxencia
O salón de sesións da Casa Consistorial de Bueu acolleu este luns a sesión plenaria ordinaria na que se debateron varias propostas incluídas na orde do día pola vía da urxencia: unha moción en defensa da sanidade pública galega, outra de supresión da Lei 5/2001 de concesións das vivendas da Illa de Ons, outra proposta da alcaldía para adhesión ao proxecto de ‘Cidades Amigas da Infancia e da Adolescencia’, e a relativa á modificación do proxecto das obras da piscina municipal cuberta.
Así e todo, o pleno comezou co debate dos asuntos que figuraban na convocatoria, sendo o primeiro deles a aprobación por unanimidade da amortización anticipada do crédito co Banco Sabadell. Segundo destacou o edil de facenda e voceiro de ACB, Julio Villanueva, “con este pagamento adiantamos dúas anualidades e quedamos libres da débeda”. Outro dos temas económicos de interese era a aprobación do recoñecemento extraxudicial de crédito, que ascende a un total de 55.000 euros. Tal e como vén sendo habitual, trátanse de facturas que estaban fóra de papel orzamentario ou que, sendo servizos prestados o pasado 2019, se presentaron as facturas nesta anualidade. Neste caso, a proposta contou cos votos favorables do grupo de goberno (conformado por BNG e ACB), en contra do PP e a abstención do PSOE.
O pleno sacou adiante a modificación do convenio colectivo do persoal laboral e do acordo regulador do persoal funcionario, pola cal se retribuirá co 100 % en caso de incapacidade temporal, tal e como solicitaran os principais representantes sindicais.
Moción en defensa da sanidade pública galega
A corporación municipal bueuesa aprobou por unanimidade unha moción en defensa da sanidade pública galega, que se debateu por urxencia dada a inminente convocatoria da concentración que se celebrará o próximo domingo, 9 de febreiro, en Compostela. Nela exponse a problemática de desmantelamento da sanidade pública nos últimos tempos, cun especial fincapé na falta de cobertura da segunda praza de pediatría do PAC de Bueu. O texto apunta que “aínda que convocamos dúas mesas da sanidade ás que asistiu o xerente da EOXI Pontevedra – Salnés, as explicacións dadas por este non son suficientes”, de aí que se aprobase esta moción que entre os seus acordos propón esixir ao Servizo Galego de Saúde á cobertura, de forma inmediata e definitiva, da segunda praza de pediatría do Centro de Saúde de Bueu. Así mesmo, demanda a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais do noso Centro de Saúde e dotalo do persoal suficiente, aspecto necesario para garantir unha atención sanitaria accesible, de calidade e de proximidade, entre outras peticións. Xosé Leal, voceiro do BNG, salientou o caso do paritoiro de Verín “no que se demostrou que se a cidadanía vai da man, conséguense as cousas”, e tamén que “todos e todas deberiamos ter dereito a unha sanidade digna e pública”.
Modificación de Lei para substituír ou eliminar o sistema de concesións das vivendas da Illa de Ons
As persoas da Illa de Ons, que levan máis de trinta anos loitando polos dereitos de propiedade polas súas casas, asistiron onte ao pleno no que se sacou adiante unha moción para instar á modificación de Lei 5/2001 para substituír ou eliminar o actual sistema de concesións das vivendas da Illa. A corporación mostrou o seu apoio a esta causa, tal e como xa fixera en novembro de 2010, que se deberá debater proximamente no Parlamento de Galicia.
Esta iniciativa partiu da Asociación de Veciños e Amigos da Illa de Ons cuxa presidenta, María José Pérez, interviu ao final do pleno para salientar que “para nós é moi urxente que se aproveite cada unha das oportunidades”, e “só reclamamos o que é noso”.
Proposta para adhesión a “Cidades Amigas da Infancia”
O pleno tamén acordou iniciar os trámites para que o goberno local presente a candidatura de Bueu como Cidade Amiga da Infancia e da Adolescencia para o período 2019-2020. A proposta da alcaldía, na que todos os grupos se mostraron a favor, tamén acorda crear unha Mesa Pola Infancia e a Adolescencia dentro do goberno local que coordine a través das diferentes concellerías o traballo dos departamentos para o cumprimento dos requirimentos e leve a cabo a planificación dos mesmos; e que se poña en funcionamento unha vez aprobado de xeito definitivo o regulamento de participación cidadá o Consello da Infancia e da Adolescencia.
Por último, aínda que con maior debate e controversia, aprobouse a proposta (cos votos a favor de BNG e ACB, en contra do PP e a abstención do PSOE) para autorizar o inicio do proxecto modificado das obras da piscina municipal cuberta. A urxencia vén motivada polos propios prazos das subvencións da Deputación Provincial de Pontevedra.