Máis de setenta traballos concorren aos Premios Johán Carballeira

Tras o peche do prazo para o envío de orixinais, o xurado dos Premios Johán Carballeira do Concello de Bueu terán que decidir os gañadores/as entre os cincuenta e sete presentados na categoría de poesía e os dezaoito da de xornalismo. Esas son as cifras desta edición que demostran, unha vez máis, que o certame é todo un referente a nivel galego, ao que cada ano concorren un gran número de traballos.

Tal e como vén sendo habitual, o departamento de cultura que dirixe o nacionalista Xosé Leal conformará o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, a fin de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, amaid da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.

Estes premios, que naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Arancha Nogueira co poemario O silencio das gaivotas (publicado en Xerais co título dente de leite) e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en Aser Álvarez González, coa reportaxe “Ferrín e a poesía do circo”, publicada no xornal Adiante.gal.

O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey…