Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Obra de teatro «Que din as rumorosas»

O Centro Social do Mar acolle o 16 de novembro, ás 20 horas, a obra de teatro «Que din as rumorosas», unha representación de Marquinarias Teatro que se poderá ver de balde no marco do programa + Escénicas.

SINOPSE:

É unha comedia de creación colectiva na que 5 actrices e 1 bailarina sobreviven titanicamente ao día a día de ser muller… e artista.

Contra vento e marea, as 6 intérpretes navegan xuntas con outras 6 artistas galegas nun exótico cruceiro atemporal no que destaparán, a xeito de «Varietés», os seus segredos máis íntimos, as alegrías e sinsabores do crear, para rir delas mesmas e, sobre todo, da estrutura patriarcal do sistema artístico.

Neste cóctel de humor e amor, as 6 intérpretes, súper polifacéticas todas, interpretarán, cantarán e bailarán para falar da ARTE COMO CAMIÑO INEVITABLE.

Cantas de vós non escoitastes unha e mil veces: «Nena, a Arte non dá cartos», «Mellor prepárate unha oposición», «Quen coidará da casa se ti estás fóra todo o día…?»

Cantos momentos de estrés, dúbidas, soidades, incomprensión, «porca miseria» e «terra, trágame…?»

E cantas de vós, a pesares de todo isto, non puidestes deixar de seguir ese CAMIÑO?

Nós, queridas, tampouco. Queremos navegar a través desas augas descoñecidas e apaixoantes. E para chegar a bo porto, precisamos de mans que remen ao noso lado…As vosas.

Acompañádesnos na travesía?