Festas de San Martiño 2024
-
Inicio
9 noviembre, 2024
Evento todo o día -
Fin
11 noviembre, 2024
Evento todo o día
- Música, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello para estas datas
- A maioría dos eventos programados terán lugar na carpa situada no aparcadoiro de As Lagoas
O Concello de Bueu organiza un amplo programa de actividades para celebrar as Festas do San Martiño, que se desenvolverán entre o 9 ata o 11 de novembro. Música, teatro, magosto, xogos tradicionais e inchables, constitúen as apostas do Concello para unhas festas variadas e diversas, que se concentrarán na súa maioría na carpa situada en As Lagoas.
Carmen García, concelleira de cultura, salienta que “se trata dunha festa con eventos variados e amplos dos que poderán gozar todos os públicos, como xa vén sendo habitual”.
O programa arrancará o sábado 9 de novembro na carpa de As Lagoas, onde se poderá gozar de xogos tradicionais e inchables entre as 11.30 e as 13, e entre as 17 e as 19 horas. Xa pola tarde, ás 17 horas desenvolverase a XXVII Carreira de San Martiño polas rúas da vila, coa colaboración do Club de Atletismo Corredoiras, e na que poderán participar nenos e nenas e persoas adultas nun percorrido que decorrerá polas rúas do casco urbano. Pola noite, haberá verbena ás 21 horas co grupo Puzzle e actuación de Señora DJ na carpa.
O domingo, a charanga OT animará as rúas da vila a partir das 11 horas. Ao igual ca o día anterior, a carpa acollerá xogos tradicionais e inchables entre as 11.30 e as 13 horas, e entre as 17 e as 19 horas. Ás 12 terán lugar na Igrexa de San Martiño os oficios relixiosos na honra de San Roque coa Coral Polifónica de Bueu. Pola tarde, o Centro Social do Mar acolle o III Concerto de Corais San Martiño de Bueu no que participarán as agrupacións de música coral da vila, como a Coral Polifónica de Bueu, a Coral Polifónica Marusía, a Coral Polifónica de Beluso e o Coro de Cela- Lestonnac de Cangas. Pola noite, haberá verbena a partir das 20.30 horas co Trío Rever e o Grupo Claxxon.
E xa o luns, coincidindo coa festividade local de San Martiño, haberá animación de rúa a partir das 11 horas coa Charanga Noroeste. Os xogos tradicionais e inchables estarán dispoñibles na carpa entre as 11.30 e as 13, e das 17 ás 19 horas. Ás 12 h, a Igrexa acolle os oficios relixiosos na honra de San Martiño coa Coral Polifónica Marusía. Pola tarde, a partir das 17 horas, haberá o tradicional magosto popular na carpa e un campionato de trompos no campo de petanca próximo. Pola noite, a orquestra Los Satélites pechará as festas cunha gran verbena a partir das 21 horas.
Ademais, do 9 ao 11 de novembro, a Asociación Cultural Santos Reis organiza, como vén sendo habitual, a XXV Mostra de Fotos Antigas, que se poderá ver no adro pequeno da igrexa, e que amosará fotos históricas de paisaxes e xentes de Bueu.