O Concello de Bueu organizará as ‘Xornadas de Exaltación do Polbo’ en abril do próximo ano
- A concelleira de promoción económica e turismo mantivo este martes un encontro coa hostalaría local
- O evento pretende darlle un pulo ao sector antes da tempada estival e despois da Semana Santa, ao tempo que se promove este cefalópodo, que é o produto estrela da localidade bueuesa
Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, mantivo este martes unha reunión coa hostalaría da vila para presentar a proposta das Xornadas de Exaltación do Polbo. O encontro tivo lugar ás 10 horas da mañá no salón de plenos do Consistorio e nel acordouse que as xornadas se celebrarán na segunda quincena do mes de abril do próximo ano. Tal e como lle explicou a edil ás persoas representantes da hostalaría, o evento pretende darlle un pulo ao sector antes da tempada estival e despois da Semana Santa, ao tempo que se promove este cefalópodo, que é o produto estrela da localidade bueuesa.
As Xornadas substitúen á Festa do Polbo, que levaba xa unha vintena de edicións ás costas e que demandaba un cambio de formato. Ante iso, dende o Concello e conxuntamente coa Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, xa se anunciou a suspensión da festa este ano ao tempo que se comezou a traballar para organizar unha proposta novidosa, que pasa por desestacionalizar o evento, aínda que tendo, como era habitual, o polbo como protagonista.
Dado que o máis atractivo da festa eran as tradicionais e orixinais especialidades elaboradas con polbo, este seguirá sendo o seu distintivo. Así, durante dez días de finais de abril cada local participante na nova iniciativa ofertará un prato no que o Polbo de Bueu sexa o protagonista. Que o polbo sexa da vila é un dos requisitos principais, e o Concello, man a man coa Confraría, subvencionará unha parte do prezo do produto, co obxectivo de que se poidan manter os prezos populares para as persoas consumidoras.
A iniciativa irase madurando nos vindeiros meses, e por iso se fai un chamamento para que a hostalaría local se una e se poida contar cun número importante de locais adheridos.
As persoas que desexen máis información poderán poñerse en contacto con Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, no correo silvia@concellodebueu.gal ou de forma presencial no 2º andar da Casa do Concello.