Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza esta semana as ximnasias en Beluso, Cela e Meiro

  • Dende o consistorio visitouse dos grupos que comezaron hoxe con estas actividades deportivas gratuítas
  • O goberno local segue apostando polo fomento de hábitos saudables entre todas as franxas de poboación

O Concello de Bueu, a través da concellaría de deportes, comeza esta semana o programa de ximnasias nas parroquias de Cela e Beluso e no lugar de Meiro, co que se fomentan hábitos saudables e actividades deportivas para as persoas de todas as idades, cunha especial incidencia nas máis maiores.

Ricardo Verde, concelleiro de deportes, salienta que “dende o Concello continuamos apostando por esta iniciativa que conta con gran acollida por parte da poboación e que achega o deporte e a saúde a moitas franxas de poboación”. Precisamente, na mañá deste luns, o concelleiro da área realizou visitas a algúns dos grupos, nas que estivo acompañado de Carmen García, edil de cultura, e de Xosé Leal, da área de facenda.

En Beluso hai un total de 52 persoas inscritas, que se dividen en dous grupos que teñen clases os luns e mércores ás 9 e ás 10 horas, respectivamente; mentres en Cela haberá un grupo de 14 persoas os martes e xoves ás 10 horas; e no lugar de Meiro, 15 veciños e veciñas gozarán das ximnasias os luns e mércores ás 17 horas.  A eles súmanse os grupos de mañá e de tarde que dende a semana pasada teñen actividades na Piscina Municipal de As Lagoas, nos que tamén se inclúen clases para as persoas con Parkinson.

Dende o goberno local continúase apostando polas políticas de fomento de actividades deportivas no marco da acción “Bueu Saudable” que ano tras ano acolle a moitísimas persoas que realizan deporte adaptado, ademais de promover charlas sobre hábitos saudables.