Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno da corporación aproba a solicitude de inicio de constitución dunha entidade supramunicipal para a regularización da concesión da auga

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 2 de outubro, unha sesión plenaria ordinaria na que se aprobou por unanimidade a solicitude de inicio de constitución dunha entidade supramunicipal para a regularización da concesión da auga. A proposta, que contou cos votos favorables de BNG, PSOE e PP, adoptouse para cumprir co xa levado a cabo noutros municipios da áreas de Pontevedra, caso de Marín, Poio, Sanxenxo, Pontecaldelas, Vilaboa ou a mesma Pontevedra.

Xosé Leal, voceiro do BNG e concelleiro da facenda, subvencións e contratación pública, foi o encargado de dar lectura á proposta na que se recollen os antecedentes desta solicitude que partiu da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, despois de varias reunións mantidas cos concellos afectados tanto o verán pasado, cando se decretou a situación de alerta por seca, como este verán, que se entrou en prealerta. Así mesmo, “hai xa varios anos que dende o Concello de Bueu mostramos a nosa preocupación polos problemas derivados da escaseza de auga, e por iso vimos traballando no estudo de diversas propostas para ampliar os recursos hídricos”, recóllese na proposta.

No documento que onte se aprobou contémplanse dúas cuestións: dunha banda, solicítase a concesión de augas para o abastecemento dos concellos integrados no sistema de abastecemento a Pontevedra e a súa ría, en 1000 l/s; e doutra, inícianse os trámites previstos na lexislación básica e autonómica de réxime local para a constitución do futuro ente supramunicipal que ostentará a condición de concesionario e titular das infraestruturas de abastecemento citadas.

No pleno tamén se debateu unha moción presentada polo grupo municipal do PP para a mellora do Polígono Industrial de Castiñeiras, que non saíu adiante ao contar cos votos en contra de BNG e PSOE. A moción demanda que o Concello asuma “o cumprimento das súas responsabilidades e poña en valor o patrimonio e facilite o desenvolvemento do Polígono, transmitindo unha boa imaxe do espazo e facilitando o aparcamento das persoas traballadoras e usuarias”. Por iso instaba ao goberno local a desenvolver un plan de actuación para a mellora do espazo, así como a impulsar un plan propio de mellora e posta en valor das mámoas de Castiñeiras. Elena Estévez, voceira do grupo popular, salientou na súa intervención que “o Concello ten unha materia pendente co polígono, e hai que levar a cabo un plan de actuación ambicioso, posto que agora detéctase unha sensación de abandono, deixadez e falta de interese”. Pola súa banda, Xosé Leal, dende o grupo do BNG, defendeu o labor dos gobernos do BNG co Polígono e declarou que “xa dende o inicio fomos mellorando as infraestruturas do espazo, con actuacións como a consecución da ITV, a mellora da iluminación, a adecentación das dúas rotondas, a mellora das beirarrúas, o recente aparcadoiro de preto dunha trintena de prazas e a xestión de máis espazos”. Polo tanto, os grupos do goberno (BNG e PSOE) votaron en contra da moción porque son cuestións nas que xa se están traballando.

Por último, o concelleiro Xosé Leal compareceu para dar explicacións polo proxecto “Ghallufadas 2023” tal e como solicitara o concelleiro popular Daniel Chapela nun pleno anterior. Leal defendeu o proxecto de promoción dos xogos de rol e de mesa e a dinamización da lingua, cun custe total de máis de 18000 euros e que contou co financiamento da Deputación Provincial de Pontevedra.

O pleno pode verse completo na canle de YouTube municipal do Concello de Bueu.