O Concello repartiu esta semana máis composteiros individuais entre a veciñanza
- A mestra composteira impartiu este mércores ao mediodía unha charla informativa no Centro Social do Mar, na que tamén se procedeu ao reparto dunha vintena de composteiros
- O goberno local apostou no 2016 pola compostaxe e xa conta con tres centros comunitarios de tratamento e xa son máis de trescentas as vivendas que dispoñen de composteiros individuais
O Concello de Bueu repartiu esta semana unha vintena de composteiros individuais (COIN) entre a veciñanza da vila que os solicitara. Iria Rey, mestra composteira municipal, impartiu hoxe ao mediodía unha charla informativa no Centro Social do Mar, na que explicou a forma de funcionamento destes recipientes de reciclaxe e aclarou algunhas dúbidas, despois da cal se fixo entrega dos mesmos.
Os composteiros entregados hoxe foron adquiridos con cargo á subvención concedida mediante a «Orde do 30 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU». Concretamente, adquiríronse 410 composteiros individuais para a Mancomunidade de Concellos do Morrazo, dos que 120 son para Bueu.
Entre os obxectivos que se pretenden acadar están: tratar por compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas, reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.
Non é a primeira vez que o Concello de Bueu reparte estes contedores entre a cidadanía. A partir do ano 2016 comezouse cunha política exhaustiva para dotar ao maior número posible de vivendas destes e, segundo os datos do departamento, xa son 345 os COIN repartidos, concretamente 50 en 2017 e outros tantos en 2019, os cales foran doados por Sogama, 50 do Plan Revitaliza da Deputación, e 195 cunha subvención solicitada en maio do 2020.
Así mesmo, o goberno local apostou pola instalación de tres centros de compostaxe comunitaria a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados na zona das Lagoas, na rúa Xosé María Estévez, e no centro de Beluso, que contan cunha gran aceptación social por parte das persoas usuarias.
Dende a concellaría de medio ambiente, que dirixe o nacionalista Xosé Leal, lémbrase á cidadanía interesada que se poderán solicitar composteiros de balde, a través dun formulario web dende a web municipal ou enviando un correo electrónico a compostaxe@concellodebueu.gal.