Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presentará no Culturgal o proxecto «Un mar de cultura»

  • Xosé Leal, concelleiro de cultura, será o encargado de dar a coñecer as iniciativas municipais este domingo ás 12.15 h no posto da Deputación
  • O mar é o elemento vertebrador das políticas culturais postas en marcha pola administración local, nas que se aposta ademais pola lingua galega, a perspectiva de xénero e o acceso de públicos diversos

O Concello de Bueu volverá estar presente un ano máis na Feira de Industrias Culturais Culturgal que se celebra durante toda a fin de semana no Pazo Provincial de Pontevedra. Segundo destaca Xosé Leal, concelleiro de cultura, este domingo presentarase o proxecto “Un mar de cultura” a partir das 12.15 horas no posto da Deputación de Pontevedra. Empregando o leitmotiv do mar, o Concello dará a coñecer os diferentes programas municipais a partir de diversos eixos culturais. O primeiro deles consiste en explicar algunhas das iniciativas exitosas como a Semana da Cultura Mariñeira, o Espazo Convida, e o apoio ás embarcacións tradicionais; o segundo abrangue a cultura do coñecemento e englobará o recentemente rehabilitado e musealizado Estaleiro de Purro, o Museo Massó, e as xornadas “O mar por diante” sobre a memoria e a historia local; o terceiro refírese á creación artística e inclúe os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo e o I Certame Otero Baena de Pintura para Artistas Noveis, que se poñerá en marcha o próximo ano; e o último vincula o mar e as redes sociais, co impulso de certames no TikTok e no Instagram municipais. O obxectivo é presentar estes proxectos exitosos entre o público asistente e, sobre todo, entre os e as profesionais do sector co fin de tecer redes de cara á planificación sobre os programas e estratexias culturais nas vilas.

Ademais, a Deputación de Pontevedra difundirá durante os tres días da feira un vídeo sobre os concellos da provincia, no cal Bueu estará presente a través do audiovisual “O Ronsel do Mar”, no que se visibilizan as achegas ao patrimonio e á historia bueuesa de Manuel Aldao e Manolo Purro.

Xosé Leal apunta que “é importante contar con este espazo para a difusión das políticas culturais dos concellos”. De feito, nas anteriores edicións da feira, o Concello de Bueu xa tivera a oportunidade de presentar outras iniciativas como os premios literarios, ou o proxecto “Bueu Gozosos Anos 30”, a través dos que puxo en valor o “carácter transversal da cultura, cunha aposta decidida pola lingua galega, a perspectiva de xénero e o carácter democratizador, que se manifesta tanto na variedade de públicos como de localizacións”.