Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno da corporación municipal acorda resolver o contrato da obra de ampliación da biblioteca

  • A proposta contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, coa abstención do PP, mentres que os edís do PSOE non asistiron á sesión

O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este xoves, 24 de novembro, unha sesión plenaria extraordinaria na que se acordou resolver o contrato administrativo da obra de ampliación da Biblioteca Municipal Torrente Ballester, unha proposta que contou cos votos a favor dos grupos de goberno, BNG e ACB, mentres que o PP abstívose e os edís socialistas non asistiron á sesión. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “debemos resolver o contrato de mutuo acordo canto antes e proceder a licitalo de novo, xa que a empresa presentou un escrito no que alega varias cuestións polas que non pode facer fronte a el”. De entre as razóns esgrimidas, o rexedor apunta na proposta da alcaldía que “é debido á suba considerable dos prezos dos materiais de construción, o que nos leva a que teñamos que revisar o proxecto e sacar o expediente de contratación novamente”. Elena Estévez, voceira do grupo popular, apuntou que “sempre mostramos o noso apoio a este proxecto, pero tamén pensamos que a administración local tamén ten parte de culpa dado o retraso na entrega do estudo xeotécnico”. E Julio Villanueva, voceiro de ACB, manifestou o voto favorable  dado que “é importante que esta obra se faga o antes posible dado o interese do proxecto para a xuventude e as persoas maiores”.

O proxecto de ampliación da biblioteca permitirá renovar este espazo tanto a nivel arquitectónico como de conceptos, e por iso o Concello impulsou o pasado ano un proxecto moi ambicioso, para o que se solicitaron axudas do Plan ReacPon e do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra e que, despois do correspondente expediente de licitación, foron adxudicadas a Obras Gallaecia SL, cun orzamento de 915.565,65 €, IVE engadido. Con todo, a empresa manifestou a súa incapacidade para levar adiante a obra ante o incremento de custes dos materiais. O Concello resolverá o contrato e someterá o proxecto a unha revisión por parte dos técnicos municipais, co fin de sacar novamente o anuncio de licitación e acometer a obra en canto sexa posible.

Esta actuación pretende adaptar a biblioteca ao século XXI nos seus usos e servizos, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.

A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que ademais permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués. O proxecto prevé que a planta baixa manteña as dependencias da biblioteca, que se ampliarían con sala de estudos, de informática e polivalentes. Trátase, pois, dunha reforma profunda nun edificio de máis de trinta anos e que servirá tamén para resolver os problemas de mobilidade e accesibilidade entre as diferentes plantas, ao incluír o proxecto a dotación dun ascensor.

A biblioteca erixirase coma un gran centro de coñecemento con varios espazos: de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais…), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica),  de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos).