O Concello de Bueu autorizará fogueiras soamente en terreo privado
O Concello de Bueu abre o prazo para solicitar fogueiras para as noites de San Xoán (24 de xuño) e San Pedro (29 de xuño). Tras as pertinentes reunións e consultas, o Concello pon a disposición na web municipal e no rexistro xeral un formulario para que as persoas que o desexen poidan realizar cacharelas soamente en terreo privado.
En canto aos requisitos das fogueiras, estas deberán realizarse en lugares despexados mantendo unha distancia de seguridade como mínimo de 25 metros das edificacións, liñas aéreas de servizos, mobiliario urbano e vehículos, e non deberá superar en ningún caso os 3 metros de alto.
Ademais, están expresamente prohibidas as fogueiras nos espazos públicos, debido a que así o comunicaron dende as autoridades sanitarias pertinentes, con motivo da Covid-19.
As persoas deberán entregar cuberta a autorización e a declaración responsable antes da realización da fogueira, acompañada dunha fotocopia do DNI, o plano de situación e documentación na que se sinale a ubicación exacta da fogueira e o cumprimento da normativa, a referencia catastral e, no caso de actuar en representación, achega de documentación xustificativa da mesma.