Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello presenta a Augas de Galicia o anteproxecto de mellora da rede de augas na rúa Pazos Fontenla

  • A actuación, orzamentada en 1,1 millóns de euros, valora renovar as tubaxes e instalar colectores separativos nunha franxa de máis dun quilómetro

O Concello de Bueu remitiu a pasada semana o anteproxecto para mellorar as redes de abastecemento, saneamento e pluviais na rúa Pazos Fontenla, co fin de lograr un acordo coa Consellería de Infraestruturas e con Augas de Galicia. Segundo apunta Félix Juncal, alcalde da vila, esta actuación renovaría integralmente os servizos deste vial en máis que é titularidade autonómica e que demanda unha actuación integral dende hai moitos anos.

Trátase dunha actuación importante nunha zona sensible de máis dun quilómetro, na que conflúen colectores diversos (de fecais, pluviais…) e na que se producen a diario moitas avarías e fugas nas redes de augas. Por iso, o anteproxecto, que foi elaborado por FCC Aqualia, concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento, substituirá as antigas tubaxes de abastecemento por outras de fundición, tal e como se leva feito noutras rúas bueuesas, amais de instalar colectores separadores das augas.

Á agarda de que se acepte por parte da Xunta de Galicia, o alcalde incide tamén na necesidade de que esta actuación, valorada en 1,1 millóns de euros, se complemente con outra de urbanización dun dos viais céntricos máis importantes. “O Concello sufre por non ser capaz de dar unha resposta máis eficaz aos problemas que se producen nesta zona, na que atopamos pavimentos en ruínas, beirados que se separan do pavimento, accesos aos garaxes e edificios en malas condicións…”.

Na actualidade, a rede de saneamento nesta rúa é unitaria e atópase obsoleta e ao límite da súa vida útil, co conseguinte risco de rupturas e filtracións. Ademais, o carácter único da rede provoca unha sobrecarga hidráulica nos períodos de precipitacións, sobre todo na zona próxima ao río Bispo. Iso súmase á ampliación de servizos que se levou a cabo nos últimos anos, como as conexións telefónicas e de internet ou o gas, que a deterioraron aínda máis.