O Concello coloca dúas marquesiñas na rúa Staffan Morling e acondiciona a contorna do Pavillón Municipal Pablo Herbello
O Concello de Bueu acaba de culminar a instalación de dúas marquesiñas na rúa Staffan Morling, que se sitúan fronte ao IES Johán Carballeira xustamente e onde estaba con anterioridade o quiosco. Na obra, que foi acometida pola empresa Explotaciones Mineras del Morrazo SL, o Concello investiu máis de 14.000 euros con cargo a fondos propios. A actuación completouse cuns traballos de mellora na zona lateral do Pavillón Municipal Pablo Herbello, onde a brigada de obras e servizos rebaixou e aplicou un pavimento de formigón, co que se mellora a accesibilidade e a imaxe exterior deste lugar tan transitado pola cidadanía, tanto dos clubes deportivos como dos centros educativos da zona.
Esta mellora forma parte dun plan estratéxico de renovación do lugar, que o goberno local xa iniciou hai máis de dous anos coas obras de humanización da rúa A Pedra, que incluíu a mellora da accesibilidade e mobilidade dos e das viandantes. Así mesmo, tamén se modernizaron os servizos como a recollida de augas ou a enerxía eléctrica. As obras permitiron, ademais, aumentar os anchos das beirarrúas, suprimir as barreiras arquitectónicas e implementar a sinalización horizontal e vertical. A maiores, o Concello habilitou unha parcela na zona como área de estacionamento para noventa vehículos, moi necesaria por ser este un lugar no que converxen unha gran cantidade de infraestruturas como o Pavillón Pablo Herbello, o IES Illa de Ons e IES Johán Carballeira e o CEIP Plurilingüe A Pedra.