A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Bueu presentan a ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas
A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia prevé convocar no vindeiro trimestre as primeiras axudas destinadas á rehabilitación na ARI insular do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, onde se inclúen as illas Ons. Así se avanzou no acto deste mércores, celebrado no Estaleiro da Banda do Río, onde estiveron presentes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o Xefe Territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel González González, o Director do IGVS, Heriberto García, e o alcalde do concello, Félix Juncal.
As axudas que se convocarán no mes de abril beneficiarán ás vivendas que se localizan no único parque nacional co que conta a Comunidade e tamén permitirá realizar actuacións de urbanización e reurbanización. Tal e como explicou a conselleira, no conxunto do parque hai 136 vivendas dentro desta ARI (100 na Illa de Ons), e para a súa rehabilitación serían necesarios preto de 10 millóns de euros.
As axudas da área de rehabilitación destinaranse preferentemente á rehabilitación de vivendas e inmobles que deberán ter uso residencial na actualidade ou despois da súa rehabilitación. As actuacións que se poden levar a cabo son obras de restauración, conservación, rehabilitación das vivendas con actuación dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética das mesmas, a súa accesibilidade e a habitabilidade das mesmas, incluíndo reformas interiores, mellora das instalacións, etc.
Neste sentido, destacou que os promotores solicitantes poderán acometer melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade e de reforma de vivendas e instalacións e beneficiarse dunha axuda máxima de 16.000 euros por vivenda.
As actuacións de urbanización e reurbanización poderán ter por obxectivo a mellora da accesibilidade e das instalacións xerais e no que se refire aos espazos públicos prevese realizar actuacións de pavimentación, actuación nas redes de rego, no mobiliario urbano e de xardinería e prevese que poderán recibir ata 2.000 euros de axuda por cada vivenda rehabilitada.
As axudas para rehabilitación e reurbanización da ARI serán financiadas con fondos propios da Xunta de Galicia e fondos procedentes do Plan Estatal de Vivenda, para o cal a Xunta e o Ministerio de Fomento deberán asinar un acordo no que se fixe o importe do financiamento no marco do plan de vivenda e as súas anualidades. Despois da sinatura deste acordo as axudas serán convocadas polo IGVS a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Neste proceso, e tal e como salientou o rexedor de Bueu no acto, o Concello estará a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida relacionada coa tramitación das subvencións, pois a través delas «seguimos apostando pola visibilización de Ons como unha illa cunhas tradicións, cultura e patrimonio de seu», apuntou Juncal.