Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza os obradoiros de memoria para persoas maiores

  • As sesións arrancaron esta semana tanto no Centro Social do Mar como na Casa do Pobo de Beluso, e nelas participan preto de sesenta persoas divididas en cinco grupos

O Concello de Bueu continúa co fomento de políticas sociais activas. Esta semana deron comezo os obradoiros de memoria no que participan arredor de sesenta persoas e que teñen lugar no Centro Social do Mar e na Casa do Pobo de Beluso. Precisamente, o alcalde da vila, Félix Juncal, a concelleira de mocidade, infancia e obradoiros sociais, Inmaculada Rodríguez, e o edil e deputado de cultura, Xosé Leal, visitaron hoxe a un dos grupos para darlle a benvida. No acto, que tivo lugar na biblioteca do Centro Social, fíxose entrega dun lote de exemplares do libro Travesía por tres momentos da historia de Bueu, que fora editado pola Deputación de Pontevedra.

O rexedor salientou “a constante preocupación do goberno local polo traballo coa xente e a satisfacción que supón que un proxecto coma este siga medrando ano a ano”. Pola súa banda, a edil Inmaculada Rodríguez, apuntou que as persoas maiores “sodes o pasado, presente e futuro da vila”, e por iso os obradoiros se desenvolven agora durante todo o ano, cun descanso nos meses de verán.

Nesta edición están programados catro grupos: no Centro Social do Mar os luns e mércores de 9.30 a 11.00 h, os martes xoves e venres de 10.00 a 11.30 h, e o último os luns (de 11.00 a 12.30 h) e os venres (de 10.00 a 11.30 h); e na Casa do Pobo de Beluso, os martes e xoves de 10.30 a 12.00 h.

Esta iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.

Os talleres son levados a cabo polos Centros de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores: memoria, razoamento verbal e non verbal, percepción, atención, concentración, funcións executivas, etc., achegando métodos e estratexias para optimizar o funcionamento destas capacidades.