O alcalde de Bueu visitou as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río
-
A actuación conta cunha subvención da Deputación de Pontevedra e a próxima semana colocarase a cuberta
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou este mércores as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río que está acometendo a empresa Construcciones Medraño. Na actuación, que conta cun orzamento de preto de 25.000, empréganse materiais naturais como a pedra e a madeira. A cuberta comezará a colocarse para a vindeira semana cun acabado en tella cerámica co que se pretende potenciar a presenza do lavadoiro.
As obras, que se están levando a cabo no marco das subvencións de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico – cultural 2018 da Deputación de Pontevedra, completaranse coa instalación de dúas lonas con fotos antigas do lavadoiro ou do entorno próximo, así como dous paneis informativos realizados con materiais resistentes ao vandalismo e a intemperie.
O obxectivo é conseguir a rexeneración do espazo, mantendo o seu carácter identitario e empregando solucións construtivas e de deseño tradicional e orixinal, sempre tendo en conta o carácter patrimonial deste lugar. É precisamente por iso que tamén se aproveitará para instalar luminarias LED, o que permitirá un aforro enerxético.