Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Uns premios para os escaparates dos comercios da Banda do Río

  • Xosé Leal, concelleiro de cultura, participou este venres na entrega dos premios do certame organizado pola Asociación da Banda do Río para dinamizar o comercio do barrio na tempada de Nadal
  • Os establecementos gañadores da terceira edición foron Nene’s, Atlantic Coast e Panadería Ana Lorenzo

Xosé Leal, concelleiro de cultura, participou este venres no acto de entrega dos premios do III Concurso de Escaparates, organizado pola Asociación Veciñal da Banda do Río.

O Estaleiro da Banda do Río foi o escenario elixido para outorgar os premios aos establecementos gañadores e autores dos mellores traballos de escaparatismo durante a tempada de Nadal. A tenda de roupa Nene’s resultou merecedora do primeiro premio, seguida de Atlantic Coast, fíxose co segundo, e a Panadería Ana Lorenzo, co terceiro. O xurado, que estivo conformado por membros da asociación e unha persoa experta en escaparatismo, valorou o uso da lingua galega na proposta creativa, a creatividade e orixinalidade, o deseño e a harmonía e a exposición do produto ou servizo. Así mesmo, tamén se tiveron en conta as votacións do público a través da páxina de Facebook da Asociación, na que se recibiron máis de catrocentos votos e que permitiron outorgar o premio do público a Nene’s.

Óscar Veiga, presidente do colectivo, quixo agradecer a colaboración de todos os establecementos, “pola súa contribución e dinamización do comercio local nunhas datas tan sinaladas”. Así mesmo, tamén se destacou a gran calidade da vintena de participantes do certame, que este ano celebrou a súa terceira edición e que agarda seguir manténdose no tempo. Pola súa banda, Xosé Leal agradeceu a colaboración do colectivo “para animar este Nadal tan atípico e anormal”.