Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local reclamará a Augas de Galicia polas sancións ante verquidos que «non son responsabilidade municipal»

Félix Juncal, alcalde de Bueu e Julio Villanueva, vicealcalde e edil de facenda, móstranse sorprendidos polas declaracións de Elena Estévez, voceira do PP, aparecidas a pasada semana na prensa en relación cunha sanción do ente autonómico ao Concello a raíz duns verquidos en Agrelo. Os rexedores insisten en que “Elena Estévez atópase nun estado de ansiedade permanente que a leva a utilizar calquera asunto ou información con tal de desgastar ao goberno municipal aínda que iso supoña, como neste caso, faltar totalmente á verdade do asunto ou ben por descoñecemento, grave e preocupante (unha vez máis), ou simplemente por ese afán de protagonismo desmesurado que a caracteriza”.

Ao contrario do que indica a voceira, o Concello presentou as pertinentes alegacións, polo que está faltando intencionadamente á verdade, e ademais “tal e como queda acreditado nos informes da concesionaria do propio expediente, o verquido produciuse nun vial autonómico, e da man dun particular que, por certo, está agardando pola autorización da Xunta  para conectarse á rede de augas municipal”.

 “Non imos consentir que se nos estean remitindo sancións de Augas de Galicia ao Concello de Bueu sobre bens que non son titularidade municipal nin responsabilidade nosa”, declara Juncal, quen xa lle trasladou isto tanto á Conselleira de Infraestruturas como á Directora de Augas de Galicia nas recentes reunións. Ante iso, o goberno local avanza que, no caso de continuar estas sancións, se tomarán as accións legais pertinentes.

Así mesmo, Juncal e Villanueva apuntan que “dende o goberno se leva a cabo un control continuo da concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento de auga, tal e como mostran os informes solicitados no marco deste expediente sancionador e doutros”, ao que habería que engadir o recente informe encargado a Lagares Oca sobre o funcionamento dos bombeos. Así, o goberno reitera que se realiza un seguimento exhaustivo, e que estes temas requiren sempre dunha gran análise co fin de depurar, no caso concreto, as responsabilidades que correspondan, “algo que non se pode facer dun día para outro, como parece que insinúa o PP”.

O goberno mostra sorpresa ante a “preocupación do PP, sobre todo porque levamos máis dunha década traballando a prol do incremento da calidade das praias e dos recursos medioambientais, e logramos mellorar os indicadores das augas, o que nos permitiu recuperar as Bandeiras Azuis perdidas no mandato de Elena Estévez e incluso ampliar o seu número”. E continúan, “se a concelleira quere, mesmo podemos facerlle entrega das analíticas das praias, porque a nós, leccións de medio ambiente pola súa parte, ningunhas”.

O goberno local lembra que “aínda estamos agardando polos 90.000 € cos que nos multara o ente autonómico por un verquido na Edar de Ons no período de proba e como se fora da nosa competencia, algo que reclamamos continuamente sen obter ningunha resposta por parte da Xunta”.

“E como unha imaxe vale máis que mil palabras, a día de hoxe todas as praias teñen clasificación sanitaria excelente, incluída a de Agrelo”, finalizan Juncal e Villanueva.