Unhas 3.000 persoas asistiron ás actividades do FICBUEU na primeira fin de semana do festival
Un total de 3.000 persoas asistiron entre o pasado venres e onte domingo ao 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Na primeira fin de semana do evento, case todas as propostas do programa con aforo limitado penduraron o cartel de “completo”, incluído o acto e o concerto inaugurais. Tal foi o caso tamén de actividades coma o show ao vivo ‘De Galicia a Hollywood’ ou o monólogo de Carlos Blanco, que pechou a axenda de onte con grandes gargalladas, pero tamén por suposto das proxeccións das seccións Galicia R e España.
A programación continúa esta tarde ás 18 horas coa primeira sesión da Sección Panorama no Centro Social do Mar. Este apartado, que se desenvolverá ata o vindeiro venres sempre á mesma hora, reúne os mellores traballos de todo o mundo que quedaron ás portas de entrar na Sección Internacional, de carácter competitivo. Hoxe poderase ver a curta danesa ‘Abu Adnan’, a británica ‘Some girls’ e a francesa ‘Saint désir’. Para mañá están programadas ‘Douggy’, coprodución entre Estados Unidos, Rusia e Sri Lanka, a fita gala de animación ‘Pépé le morse’, a canadense ‘Crème de menthe’ e mais ‘The sound’, do Reino Unido. O acceso é de balde, basta con retirar o convite no despacho de billetes, que abre ás 17 horas.
Ás 19.45 e ás 22 horas desenvolveranse cada día senllos pases idénticos da Sección Internacional, que reúne 22 obras de variados xéneros e nacionalidades, cunha entrada de tan só 2,50 euros. Hoxe proxectaranse ‘Chasse Royale’ (Francia), de Lise Akoka e Romane Gueret; ‘Heyvan’ (Irán), dos irmáns Bahram e Bahman Ark; ‘Dependent’ (Reino Unido), de Phil Sheerin, e ‘Vihta’ (Francia), de François Bierry. O actor deste último filme, Jeremie Petrus, e mais o guionista de ‘Dependent’, Curtis Cole, estarán ás 21.15 horas no Punto de Encontro do FICBUEU para manter un coloquio co público do certame.
A mesma estrutura terá a xornada de mañá martes, na que contaremos coa produtora de ‘Nachtschade’ (Países Baixos), Guusje Van Deuren, e coa colorista de ‘(Fool Time) Job’ (Francia), Marine Blin, como convidadas. Ademais destas curtas, dirixidas respectivamente por Shady El-Hamus e Gilles Cuvelier, proxectaranse ‘Dxgal’ (Taiwán), de Hung-En Su, ‘Xiao cheng er yue’ (China), de Qiu Yang, e ‘Negah’ (Irán/Italia), de Farnoosh Samadi.
O FICBUEU 2018 continúa ata o sábado 15 de setembro cun amplo programa que inclúe tamén proxeccións e actividades para a rapazada, charlas con destacados críticos cinematográficos, actuacións musicais e, para rematar, a gala e a festa de clausura, coa cerimonia de entrega de premios. Ademais, mañá martes abrirá o II Mercado da Curtametraxe no Museo Massó, haberá propostas culturais para os cineastas convidados e ata o vindeiro domingo continúa a Ruta das Tapas 5 Estrelas por diversos locais da vila, onde a participación aínda non foi contabilizada. Toda a información sobre o 11º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pode seguirse na web www.ficbueu.com e nas redes sociais.