O Concello de Bueu reanuda os obradoiros de memoria para maiores

  • As sesións desenvólvense os martes e xoves dende as 10 ás 11.30 horas, no Centro Social do Mar e na Casa do Pobo de Beluso

O próximo xoves, 13 de setembro, reanúdanse os obradoiros de memoria do Concello de Bueu, os cales fixeran un breve descanso durante a tempada estival. A concelleira de infancia, mocidade e obradoiros sociais, Macu Rodríguez, salienta que, tras o encontro mantido cos responsables dos centros de día da vila, os talleres manteñen os mesmos horarios: martes e xoves de 10.00 a 11.30 horas, tanto no Centro Social do Mar como na Casa do Pobo de Beluso.

Esta iniciativa, que forma parte da implementación de políticas sociais activas do goberno local bueués, ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida dos destinatarios, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc.

Os talleres son levados a cabo polos Centros de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, arredor de corenta persoas fomentan as capacidades e autodeterminación, a través da realización de actividades de memoria, linguaxe, orientación espacial e temporal, cálculo, secuencias, lectura e escritura.