O Concello de Bueu convoca ás asociacións culturais e deportivas a unha reunión
-
A xuntanza celebrarase no salón de plenos este mércores, 12 de setembro, a partir das 20.00 h e nela estarán presentes Xosé Leal, concelleiro de cultura, e Manolo Otero, edil de deportes
As asociacións culturais e deportivas terán a posibilidade de solucionar todas as dúbidas relacionadas coa convocatoria de subvencións municipais do 2017 este mércores, 12 de setembro, a partir das 20.00 horas, cando está convocada unha reunión no salón de plenos cos responsables municipais. Concretamente, Manolo Otero, concelleiro de deportes, e Xosé Leal, responsable de cultura, explicarán as principais novidades deste ano das bases, ademais de solucionar as dúbidas que poidan plantexarse desde os colectivos.
A principal novidade é que este ano, o prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais a contar desde o seguinte á publicación do extracto no BOPPO, A solicitude, por certo, deberá realizarse a través da sede electrónica, proceso que tamén se explicará durante a reunión.
No caso concreto das bases de cultura, destácase que haberá dúas liñas: a de actividades desenvoltas polo tecido asociativo no 2017 e a de funcionamento das escolas de música. Ademais, segundo salienta Xosé Leal, introdúcense o fomento da igualdade e da lingua como criterios a valorar, ademais doutros que se detallan nas propias bases.