Unha xornada de plantación de árbores inclusiva no sendeiro do río Bispo
- Case cincuenta nenos e nenas 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra participaron nunha xornada de plantación de árbores organizada polo Concello de Bueu e impartida pola Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII
- O alcalde de Bueu salienta que “esta actividade transmite moitos valores, como a integración social, o intercambio de coñecementos e a sensibilización”
O sendeiro urbano do río Bispo foi o escenario este mércores, 15 de febreiro, dunha actividade moi fermosa e integradora. O Concello de Bueu organizou unha plantación de preto de setenta árbores para acondicionar este paseo no seu treito urbano, e para iso contou coa Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII e cincuenta alumnos e alumnas de 3º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra.
Félix Juncal, alcalde da vila, achegouse ata a actividade que durou preto de dúas horas e coa que tamén quixo colaborar a través do transplante dun acivro. O rexedor salientou que “é importante que traballemos cos máis pequenos e pequenas na importancia do coidado do medio ambiente e da contorna”, e incidiu en que “esta actividade transmite moitos valores, como a integración social, o intercambio de coñecementos e a sensibilización”.
Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer todo o proceso de plantación, e as tarefas a levar a cabo para que árbores como cerdeiras, maceiras ou freixos medren nesta contorna; e tamén puideron preguntar e aclarar as súas dúbidas. Para este labor, estiveron acompañados do alumnado da Fundación Juan XXIII, que participan nunha formación dual de xardinería coa que se pretende fomentar a súa integración na sociedade.
A cativada traballou ao longo das semanas previas en xornadas formativas sobre a discapacidade intelectual da man do profesorado e co asesoramento da fundación, e hoxe tiveron a parte práctica con esta actividade, despois da cal o Concello lles tiña preparada unha merenda saudable.
O Concello de Bueu leva anos colaborando coa Fundación Juan XXIII a través de distintos programas de emprego, destacando o da limpeza de beirarrúas e rozas polo rural ou o arranxo de fontes e lavadoiros. A actividade de hoxe supón ir un paso máis alá, e seguir avanzando na consecución da igualdade e na eliminación de barreiras.