Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza as obras de acondicionamento dun local destinado a Sala de Interpretación do Bueu Romano

  • As obras permitirán a posta en valor deste patrimonio vencellado coa historia mariñeira da vila e que se unirá a outros elementos de interese neste eido como o Estaleiro de Purro, a Salgadura de Mourisca ou o Museo Massó

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou as obras que comezaron este venres para o acondicionamento dun local destinado a Sala de Interpretación do Bueu Romano, na zona de Pescadoira. A empresa adxudicataria, Construcciones y Diseño Luicoin SLU, arrancou hoxe coa actuación, que conta cun orzamento de 187.330,99 euros, IVE engadido.

As obras, que se financian con cargo a un convenio asinado entre o Concello de Bueu e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, refírense á primeira fase dun proxecto que busca a posta en valor dos restos arqueolóxicos atopados no lugar de Pescadoira, concretamente no solar núm. 7 da rúa Montero Ríos, onde se detectou a existencia de dous xacementos arqueolóxicos da época romana. Esta posta en valor realizarase a través do acondicionamento dun local, propiedade municipal, ubicado neste lugar, como Sala de Interpretación do Bueu Romano.

Coa intervención en Pescadoira vaise recuperar e poñer en valor este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu, co que se completará a oferta museística da vila. Con este proxecto percorreríase cronoloxicamente a historia da pesca no municipio, pois empezando pola visita á Sala de Interpretación do Bueu Romano, a vila transformarase nun gran museo do mar que nos levará ata lugares tan característicos como a Salgadura de Mourisca, o Estaleiro de Purro, única carpintaría de ribeira que se conserva en toda a ría de Pontevedra, ou o Museo Massó.

A intervención estase realizando no contorno de protección do Xacemento romano de Pesqueira e no Xacemento romano de San Martiño, bens incluídos no Catálogo do PXOM do Concello de Bueu e protexidos por Patrimonio de Galicia.

As obras concretas que a empresa adxudicataria deberá acometer nun prazo de seis meses serán, entre outras, a execución do cerramento exterior, os pavimentos, as divisións interiores, as instalacións de fontanería, a evacuación de augas, a ventilación, a protección contra incendios, a electricidade e alumeado, a colocación de carpintería exterior, xanelas e nova porta de acceso, a execución de revestimentos interiores, e a colocación de falsos teitos e equipamento e mobiliario.