Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebra o Día de Rosalía con poesía e teatro

  • Dende o consistorio prográmase para o 22 de febreiro a presentación do poemario “Brinde e desespero”, co que Miguel Sande gañou o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía, e a continuación a representación teatral do “Dúo Vaguedades”

O Concello de Bueu celebra o próximo mércores 22 de febreiro o Día de Rosalía cun programa de actos que incluirán poesía e teatro e que aproveitarán o festivo local do 23, no que se celebra esta efeméride en todo o país. Así, ás 20.00 horas, a Sala Multiusos do Centro Social do Mar acollerá a presentación do libro Brinde e desespero, o poemario co que Miguel Sande gañou o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu. O acto contará coas intervencións de Miguel Sande, autor do poemario, Fran Alonso, director de Xerais, e Xosé Leal, concelleiro de cultura.

A continuación, o Auditorio do Centro Social do Mar acollerá a obra de teatro “Dúo Vaguedades- O Espectáculo”, de Isabel Risco e Fran Rei, do que se poderá gozar a partir das 21 horas, con entrada de balde ata completar capacidade.

Xosé Leal destaca que “é unha programación familiar coa que queremos lembrar a Rosalía de Castro e celebrar o 23 de febreiro, un dos festivos locais deste ano en Bueu”.

Brinde e desespero

O libro, publicado pola editorial Xerais, constrúese coma unha observación distinta dos lazos familiares utilizando a palabra en vez do bisturí para extirpar un sentimento. Esoutra visión do amor na madurez como nunca se dixo antes. O ollar, coma un obxectivo, a enfocar os detalles máis cotiáns que temos diante e, en tantas ocasións, non nos decatamos. Un brinde pola imposibilidade. O desespero como algo doce na nosa inmobilidade.

Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) é escritor e xornalista. Como narrador publicou Se algún día esta muller morta (2006), Premio Repsol; A vida fóra (2011), e A candidata (2016), Premio García Barros, e O negociador (Xerais, 2022), finalista do Premio Xerais de Novela 2021. Na poesía destaca o libro Os filósofos xa non brindan con cicuta (2019), Premio Afundación e Brinde e desespero (Xerais, 2023), Premio de Poesía Johán Carballeira. Como dramaturgo é autor de Á alba pide comigo vivir (1986), finalista do Premio Calderón; Ninguén chorou por nós (1999), Premio Rafael Dieste; 39 veces chao (2002); Elas, que din (2005), finalista do Premio Nacional de Teatro, e A enterradora (2018), Premio Nova Dramaturxia Galega.

Dúo Vaguedades

“Dúo Vaguedades – O Espectáculo” é unha aloucada proposta de 60 minutos de comedia para todos os públicos protagonizados por Isabel Risco e Fran Rei, onde teñen cabida varios dos temas musicais da banda (cantados en rigoroso directo), mesturados con divertidos sketches e escenas cómicas sobre o noso xeito de ser, de falar e de relacionármonos entre nós mesmos/as e co resto da humanidade. Durante o espectáculo sucédense unha serie de reflexións e titoriais (de Youtube) sobre, entre outras, a nosa teima de contestar a unha pregunta con outra pregunta, o valor da dúbida permanente, como ligar correctamente nunha verbena ou discoteca, a retranca ou como enfrontarse ás redes sociais e ás aplicacións máis avanzadas con mentalidade decimonónica. E todo isto visto desde a gran autoridade moral que atesouran Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, dúas figuras imprescindibles da nosa cultura, que viaxan no tempo e no espazo para a ocasión.

Cartel teatro «Dúo vaguedades»
Cartel presentación poemario «Brinde e desespero» de Miguel Sande