Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Unha reflexión sobre a igualdade entre homes e mulleres dende a infancia

  • O Centro Social do Mar de Bueu acolleu este venres o acto de entrega de premios dos certames de relato e, viñeta e ilustración ‘A igualdade no traballo’, convocados dende o CIM co gallo do Día da Muller
  • As actividades conmemorativas desta efeméride estenderanse toda a fin de semana, con conferencias, teatro e homenaxe a Matilde Bares

O alumnado dos centros educativos de Bueu foron os protagonistas do acto organizado este mediodía no Centro Social do Mar, no que se fixo entrega dos agasallos aos gañadores/as dos certames de relato e de viñeta e ilustración “A igualdade no traballo”, convocados polo CIM de Bueu con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e no que estiveron presentes membros da corporación local da vila.

Como cada ano, os protagonistas foron os máis pequenos e pequenas, que deron unha lección de igualdade e fixeron sentir que a esperanza nun mundo mellor, máis igualitario, é posible. Este ambiente fíxose notar xa dende o comezo, cando o alumnado de cuarto de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra realizou a conmemoración desta data, na que lembraron a mulleres destacadas pero silenciadas, e as compararon coas mulleres máis importantes das súas familias. Foi un acto no que se puxo voz e se recuperou o espazo de tantas mulleres que non a tiveron, e dos que o alumnado mostrou o seu orgullo, aspecto que salientou o alcalde, Félix Juncal, ao remate do acto.

A continuación fíxose entrega dos premios do I Concurso Literario Xuvenil, posto en marcha este ano por vez primeira, e no que concorreron un total de 64 traballos entre microrrelatos, poesía e biografía sobre mulleres feministas; e tamén dos do XII Certame de Viñeta e Ilustración.

No de relato xuvenil entregouse un primeiro premio ao grupo conformado polo alumnado de 5ºB do CEIP Plurilingüe A Pedra, Unai Parada Pastoriza, Laura Pérez González e Adrián Piñeiro Estévez, quen realizaron unha biografía sobre Purificación Gómez González, a que foi a primeira alcaldesa republicana de Galicia. Ademais, tamén se concedeu un primeiro premio de relato individual para o poema “Que ninguén nos pare” de Lucía Pretel González, alumna de 6º de primaria do CEIP Montemogos de Beluso.

Por outra banda, no de viñeta e ilustración, no que se presentaron 198 traballos,concedéronse os seguintes premios: primeiro premio para Elena Enríquez Álvarez, de 4º da ESO do CPR Virxe Milagrosa (será o deseño da XII Campaña de Educación Non Sexista), e outro para Xiana Dios García, de 5º de primaria do CEIP A Torre de Cela.  Así mesmo, concedéronse varias mencións especiais para os deseños de Laura Brocos Juncal, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Lara Santaclara Estévez, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira, Iria Rodríguez Iglesias, de 1º da ESO do IES Illa de Ons, Victoria Rodríguez Quintela, de 4º da ESO do CPR Virxe Milagrosa, Lara Núñez Caíño, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira,e Xabier Pastoriza Rodríguez, de 3º da ESO do IES Johán Carballeira.

A concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, salientou o traballo realizado polos centros educativos da vila que ano a ano fan sentir que a educación é o piar básico para mudar as sociedades. Así mesmo, ao remate,  o alcalde, Félix Juncal, salientou a “revolución paseniña que comeza de abaixo cara arriba e da que onte foi un día histórico coa folga feminista”. Juncal declarou que é importante o traballo dos centros educativos e a recuperación das mulleres, o que “é algo que temos que preservar, para que sigamos loitando pola consecución da igualdade e da xustiza social”.

Actos programados na fin de semana

Con motivo desta efeméride, e dada a folga feminista e os paros convocados para o 8 de marzo, o Concello decidiu trasladar todas as actividades programadas para a fin de semana. Tras o acto desta mañá, este venres pola tarde, o Club Golfiños renderá unha homenaxe á poeta Míriam Ferradáns, á que nomeará “muller destacada” nun acto que terá lugar ás 19.00 horas na Sala Domínguez Búa.

Mañá, sábado 10 de marzo, ás 12.00 horas, será a charla e presentación do libro Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas, de Amelia Verdejo Rodríguez. Celebrarase tamén na Sala Domínguez Búa, co obxectivo de achegar modelos de mulleres matemáticas, que poidan ser utilizados nas aulas en todos os niveis da ensinanza.

E xa o domingo a partir das 18 horas terá lugar un acto de inauguración da placa conmemorativa de Matilde Bares, quen fora mestra de Bueu, na rúa que leva o seu nome acompañada do grupo musical “Xonxas”. De seguido, ás 18.30 horas, o profesor e historiador local Don Arturo Sánchez Cidrás impartirá unha conferencia sobre a figura de Matilde Bares no Centro Social do Mar, e como colofón, arredor das 19.30 horas, o grupo de teatro moañés “Moito morro” representará unha obra que trata o tema da igualdade.