Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Unha homenaxe máis que merecida á mestra de tres xeracións de Bueu

  • As actividades conmemorativas desta efeméride estendéronse toda a fin de semana, con conferencias, teatro e homenaxe a Matilde Bares

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o Concello de Bueu organizou diversos actos durante a pasada fin de semana, que tiveron como protagonistas ás mulleres e, en especial, a Matilde Bares, quen fora mestra de tres xeracións en Bueu, e á que se lle colocou a placa na rúa que leva o seu nome, nun acto moi emotivo celebrado na tarde do domingo e ao que asistiron os seus familiares e diversos membros da corporación municipal, ademais doutros veciños e veciñas.

Segundo destacou a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, esta muller foi unha mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións en Bueu, ademais de ser organizadora de actividades culturais e grupos de teatro. De feito, en 1898 daba clases na escola privada que rexentaba na Banda do Río, e o 11 de novembro do 1932 realizóuselle unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi a súa casa en Eduardo Vincenti, 41, que pon “Os fillos de Bueu en América a Matilde Bares”. Unha homenaxe que foi auspiciada polos emigrantes arxentinos en agradecemento pola súa labor, xa que a moitos deles ensinoulles a ler e a facer contas antes de partir a Arxentina. Sobre estas vivencias e algunhas máis falou tamén o mestre e historiador local, Arturo Sánchez Cidrás, durante a conferencia que impartiu despois do acto, e tras a brillante actuación do grupo Xonxas.  E o domingo culminou coa obra de teatro “Mi madriña” de Moito Morro que trata o tema da igualdade dende un punto de vista innovador.

Outra das actividades organizadas con motivo desta efeméride foi a presentación do libro Mujeres matemáticas: las grandes desconocidas, de Amelia Verdejo Rodríguez, que tivo lugar na Sala Amalia Domínguez Búa o sábado ao mediodía. Neste libro achéganse modelos de mulleres matemáticas, que poidan ser utilizados nas aulas en todos os niveis da ensinanza.