Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un total de 13 traballos compiten no IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares

  • O veredito do xurado coñecerase durante o mes de febreiro, e a entrega terá lugar nun acto público con motivo do 8 de marzo

  • O concurso iniciouse no 2005 como unha homenaxe á mestra bueuesa Matilde Bares e supón unha oportunidade para impulsar a reflexión sobre a igualdade de xénero

O IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares reúne nesta edición un total de trece traballos que compiten por facerse co galardón dotado de 1500 €. Tras o remate do prazo de presentación a finais de decembro, desde o Centro de Información ás Mulleres (CIM) destacan que se trata dunha cantidade importante dado que se trata dun premio no que se valoran as obras desde unha perspectiva de xénero, cunha clara atención aos roles sexistas e aos estereotipos que afectan á imaxe da muller que aparece a diario na literatura, cine e televisión, os micromachismos, a igualdade laboral e a imaxe feminina nos medios de comunicación. O veredito do xurado farase público durante o mes de febreiro e a entrega terá lugar nun acto público no marco do programa do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

O certame, que o ano pasado quedou deserto, rende homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que ademais de ser promotora de actividades culturais e grupos de teatro. Así, en 1898 daba clases na escola privada da Banda do Río, e o 11 de novembro do 1932 realizóuselle unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi a súa casa en Eduardo Vincenti, 41, e que pon “Os fillos de Bueu en América a Matilde Bares”, ademais de contar cunha rúa.

Nos seus inicios este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato Dúas cunchas; seguidamente, Xurxo Sierra Veloso, con As dúbidas de María; Xosé Alfredo Naz Fernández, con Círculo, Serafín Parcero Pérez, con Ollos de cinsa; María del Carmen Caramés Gorgal, con Días de namorar e Lola, e Alexandre Alonso Alonso con Xénero imperfecto.

Tras a quinta edición do premio, o Concello de Bueu publicou un volume especial, titulado Póker de dramas, no que se recollían os relatos gañadores da cinco primeiras convocatorias.

Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo

As persoas que amen escribir teñen outra oportunidade. E é que o prazo para participar nos Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo esténdese ata o 31 deste mes, e as persoas gañadoras poderán facerse cunha dotación económica de 1500 € para ambas categorías, amais da publicación no caso do de poesía, tal e como vén sendo habitual, por parte da Editorial Xerais.

A entrega de traballos realizarase a través de dúas formas: ou mediante o envío do traballo en papel ou en formato dixital, tal e como se establece nas bases publicadas no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica e na páxina web do Concello de Bueu.

Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, Juan Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, e tivo como gañadores na pasada edición a Daniel Asorey co poemario Transmatria, e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu na reportaxe Corea do Norte: a vida dese outro lado, de Moncho Iglesias Míguez.

Bases Premios Johán Carballeira de Poesía e Xornalismo