O FICBUEU abre o prazo de presentación de curtas para a súa duodécima edición
A asociación FICBUEU ten aberto o prazo para presentar obras ao 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), que se desenvolverá entre o 6 e o 14 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades. As bases prevén un total de oito seccións, unha delas para filmes experimentais.
Ata o 15 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío de curtametraxes, que un ano máis deberá realizarse a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos de calquera xénero estreados a partir do 1 de xaneiro de 2018, cunha duración que non supere os 30 minutos. En xuño daranse a coñecer as obras seleccionadas, que optarán a máis de 5.000 euros en premios tendo tamén en conta os destinados a centros educativos, para os que se lanzará unha convocatoria específica.
Todos os traballos presentados competirán por entrar na Sección Internacional, da que sairán os títulos gañadores das Ánforas de Ouro e Prata, alén dos once galardóns artísticos e técnicos. Unha vez que este apartado se complete, configuraranse o resto, optando os escollidos para as seccións Galicia e España aos premios a mellor curtametraxe galega e española, respectivamente. Alén da sección Escolas Galegas, en paralelo haberá tamén cando menos outros catro apartados non competitivos: Infantil, Xuvenil, Panorama e Experimental, este último como novidade.
O obxectivo do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é contribuír á promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional. No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo que incluirá múltiples actividades de carácter cinematográfico e cultural. A isto engádense diferentes obradoiros e as accións da Área Social do FICBUEU, que xa están en marcha con diversos colectivos.