Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un tapiz floral xigante cubrirá a Praza Massó para celebrar unha Festa das Alfombras adaptada á Covid-19

  • O Concello de Bueu e a Asociación de Alfombras adiantan unha proposta de celebración máis reducida de cara á fin de semana do 13 e 14 de xuño, na que as alfombras serán protagonistas e na que se estremarán as medidas de seguridade por mor do estado de alerta

O Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Alfombras de Bueu propoñen a elaboración dunha alfombra monumental que cubrirá a céntrica Praza Massó na fin de semana do 13 e 14 de xuño e coa que se celebrará a tradicional Festa das Alfombras Florais aínda que, como é de supoñer, adaptada ao actual estado de alarma pola Covid-19. A idea é crear un tapiz xigante na Praza co que se homenaxearán ás xentes das tres parroquias bueuesas, así como ás festas, eventos e tradicións. E para iso, dende a Asociación convídase a todos os colectivos da vila a participar nas diversas fases da elaboración (preparación de materiais, busca de vexetais, desfiunchado etc). As persoas que queiran colaborar poden comunicalo a través do enderezo electrónico alfombrasbueu@gmail.com ou no teléfono 662124541 (Manuel).

Nas últimas semanas estivo valorándose esta iniciativa por parte dos responsables do goberno local e da asociación, co obxectivo de traballar nunha proposta que permitise continuar con esta tradición da arte floral con máis dun cento de anos na vila morracense, e cumprir con todas as esixencias en materia de seguridade e saúde cidadá. Tal e como salienta Xosé Leal, concelleiro de cultura, “consideramos que con esta alfombra no centro da vila poderemos controlar mellor os fluxos de mobilidade das persoas así como contar cun protocolo de actuación máis adaptado ás circunstancias actuais”. Así, o lugar desinfectarase previamente e a asociación velará polo mantemento das distancias de seguridade das persoas que se atopen confeccionando a alfombra, ademais das que se acheguen a admirala. Tamén, como se trata de chegar a todos os públicos, prepararase unha actividade para ás máis cativas e cativos.

Dende a Asociación avanzan tamén que se realizará unha segunda alfombra floral, de tamaño moito máis reducido na entrada da Igrexa Parroquial de San Martiño de Bueu.

A tradición das alfombras florais en Bueu

A festa das alfombras conta con máis dun cento de anos de antigüidade, aínda que o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950. Un dos costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as recoñecidas carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira. No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.

Hai que salientar que a Festa das Alfombras de Bueu de Bueu foi declarada como de Interese Local no ano 2002 e desde o 2017, é Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.

Ao longo dos últimos anos, dende este colectivo, coa estreita colaboración do Concello, fíxose un gran labor de recuperación e promoción da arte floral, con actividades como encontros internacionais, festas, obradoiros, xornadas e exposicións etc. Este 2020, dada a actual crise sanitaria, non se puideron celebrar moitos destes eventos.