Un mercadiño solidario para axudar a Cáritas Bueu
- Estará no baixo da r/ Pazos Fontenla, 32, do 8 ao 10 de agosto, en horario de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas
Un ano máis, Cáritas Bueu organiza un mercadiño solidario de verán, que se desenvolverá do 8 ao 10 de agosto nun baixo comercial da rúa Pazos Fontenla, 32, e que ten por lema “As grandes oportunidades para axudar aos outros rara vez se dan, pero as pequenas rodéannos todos os días”. O horario será de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas, e as persoas que se acheguen poderán facerse, entre outros, con produtos de electrónica, roupa, xoguetes ou libros, que foron doados por persoas particulares e institucións públicas e privadas. Así o salientou Manuel Golmayo, director de Cáritas Bueu, durante a rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no salón de plenos do Concello, coa presenza do alcalde de Bueu, Félix Juncal, e do párroco, José López.
Esta iniciativa, que xa leva un percorrido de máis de oito anos, ten dous propósitos: obter máis fondos para a atención prestada a un total de sesenta familias durante todo o ano, e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social.
O párroco apuntou que “este evento pretende dar a coñecer a labor de Cáritas e buscar a colaboración das persoas que visitan a vila nestes meses de verán”.
Por último, o alcalde agradeceu e recoñeceu a labor levada a cabo por este organismo que fai posible durante todo o ano que moitas persoas e familias poidan saír de diversas dificultades.