O Concello de Bueu organiza este mércores a Freguifesta de Sanamedio

  • Os festexos contan coa estreita colaboración da Asociación Cultural de Sanamedio e alternará xogos populares, maxia, música e homenaxes á veciñanza
  • Ao longo do verán terán lugar outras festas en Beluso, Ons e Cela, cun programa que busca revalorizar as tradicións e homenaxear á veciñanza

O Concello de Bueu e a Asociación Cultural de Sanamedio organizan este mércores, 7 de agosto, a Freguifesta de Sanamedio (Bon-Beluso), na que se combinarán xogos populares, espectáculo de maxia, música e homenaxes á veciñanza pola adicación ás festas. A partir das 12 h, a Charanga OT e o grupo de gaitas Os Liboreiros amenizarán unha ruada por Beluso e Bon, e ás 13.30 h terá lugar a sesión vermú coa orquestra Distrito 7.

Xa pola tarde, pequen@s e maiores poderán gozar de xogos populares ás cinco e dun espectáculo de maxia co Mago Pedro ás seis e media. A continuación, en torno ás 20.30 h, terá lugar a homenaxe pola adicación ás festas, que nesta edición recaerá en Jesús Sotelo Caamaño e Laura Sotelo Estévez. E xa para culminar a xornada, a verbena arrancará ás 21.30 h coa música da orquestra Distrito 7, Mariachis Noche de Ronda e sesión de pica – discos.

Freguifestas

O programa das freguifestas continuará ao longo do verán por outros lugares como a Illa de Ons e Cela, e culminará coa festa do San Martiño en novembro. As mesmas contarán ademais con música tradicional e actual (de verbena, cantos de taberna, rock…) para maiores e xente moza e espectáculos para a rapazada, ademais das homenaxes á veciñanza. Xosé Leal, concelleiro de cultura, asegura que estas citas «buscan revalorizar os espazos de convivencia que hai nas diferentes parroquias mesturando a tradición e a modernidade e fomentando valores na sociedade, para que toda a veciñanza da vila sinta orgullo de pertenza aos seus lugares e á vila no seu conxunto”.