Bueu celebra a XX Festa do Polbo cunha trintena de especialidades e actividades culturais

  • A festa terá lugar do 9 ao 11 de agosto, e incluirá unha trintena de especialidades de preparado deste cefalópodo a cargo de tres locais hostaleiros
  • A escritora local Marta Currás será a encargada de ler o pregón o sábado 9 de agosto ás 12.00 horas

O Concello de Bueu, xunto coa Confraría de Pescadores San Martiño, organiza do 9 ao 11 de agosto a vixésima edición da Festa do Polbo, que se celebrará no campo da Estacada e que ofrecerá a posibilidade de degustar arredor dunha trintena de especialidades e formas de cociñar este cefalópodo. Ademais diso, e como vén sendo habitual, a gastronomía combinarase cunha programación cultural e festiva, coa que “seguimos evolucionando pero sen perder a tradición”, tal e como declarou a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa celebrada este xoves, na que estivo acompañada de José Manuel Rosas, patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, Mercedes González, de Frigoríficos Rosa de los Vientos, Carla Álvarez, de Casa Acuña e Eloy Entenza, de Marino’s Barber Shop.

Silvia Carballo destacou que “celebramos unha edición moi especial, pois cumprimos vinte anos promovendo o Polbo das Rías”. A edil salientou que desde o Concello se comezará a traballar para conseguir a declaración de festa de interese turístico galego, xa que se trata dun evento que “pon en valor o noso produto e a tradición e historia mariñeira, a de homes e mulleres que mantiveron estas artes de pesca de xeración en xeración”.

Os postos de O Rincón de Cela, Rosa de Los Vientos e Casa Acuña estarán abertos o venres de 19.30 a 00.00 horas. Nese mesmo día, ás 20.30, o grupo Polo Correo do Vento impartirá unha sesión de contacontos ilustrado de temática mariñeira para a rapazada no mesmo espazo da carpa da Estacada.

A inauguración oficial será o sábado ás 12.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Marta Currás, escritora residente en Vigo pero con raíces na vila bueuesa. Bióloga de profesión, Currás defínese como unha lectora voraz que imaxina historias desde os tres anos, e desa mente desbordante naceron as novelas Templados por el sol, mecidos por el viento (Premio Círculo de Lectores 2018) e La memoria de las olas (Premio Nostromo de literatura marítima).

A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar unha sesión vermú amenizada polo grupo Fanfarria Taquikardia, coa que se ofrecerá un pack de tapa e vermú galego por 6.00 euros, proposta que naceu o ano pasado para chegar ao público máis novo e que tivo grande acollida; e á que seguirá unha exhibición de barbería tradicional a cargo de Marino’s Barber Shop. Segundo avanza Eloy Entenza, “realizarei unha demostración de afeitado e de corte de pelo clásicos”.

Xa pola noite, ás 22.30 horas, a actriz e humorista galega Isabel Risco presentará o seu espectáculo “Nabiza Girl!”, no que se interpreta a unha súper heroína rural galega con denominación de orixe protexida.

O domingo, ás 12 da mañá, o grupo Retrouso amenizará a sesión vermú, e pola noite, ás 19.30 horas o programa cultural rematará co concerto infantil de “O Capitán Garfo”. Destacable desta edición é o pulo das actividades infantís, motivo polo cal haberá un espazo para a rapazada que conta con xogos cedidos polo CEIP Montemogos de Beluso.

Horarios e especialidades

A festa arrancará o 9 de agosto ás 19.30 h, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado e domingo de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00. As variedades terán un custe de 6.00 € e de 10 €, segundo a ración, e serán ofrecidas por tres establecementos: O Rincón de Cela, Frigoríficos Rosa de los Vientos e Casa Acuña.

Rosa de los Vientos disporá, por un custe de 6.00 €, de empanada de polbo de trigo e de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo e fabas con polbo; e por 10 €, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Jaén, polbo á feira, e polbo á galega (en caldeirada). O Rincón de Cela presentará empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo, e paté de polbo, todas por 6.00 €; mentres que por 10 €, os e as comensais poderán probar polbo ao allo con berberechos, polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, hamburguesa de polbo e pizza de polbo. Por último, Casa Acuña disporá, por un prezo de 6.00 €, de empanada de polbo de millo e trigo, croquetas de polbo e queixo de tetilla, tosta de polbo, arroz de polbo e taco de millo con polbo; e por 10 €, polbo á feira, polbo e Arzúa, polbo en caldeirada, polbo grellado con puré de pataca e polbo ao Albariño e mollo verde.