Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un informe de Augas de Galicia constata que a calidade global da Edar de Bueu é aceptable

O Concello de Bueu acaba de recibir este venres o informe de Augas de Galicia, no que se constata que a Estación Depuradora de Augas Residuais Urbanas (EDAR) cumpre coas esixencias da Directiva 91/271/CEE, polo que se confirma que a calidade global da EDAR é aceptable, así como que o equipo de desinfección está apagado.

Neste informe, Augas de Galicia tamén establece unha serie de recomendacións, como é a posta en funcionamento do equipo de desinfección UV, así como a mellora da aireación do reactor biolóxico e dos niveis de nitróxeno.

Con estes resultados na man, o Concello de Bueu mostra a súa tranquilidade en canto ao funcionamento correcto deste servizo aínda que “sempre é posible mellorar e por iso trasladaremos este escrito á empresa concesionaria do servizo de abastecemento e saneamento da auga para que se apliquen as melloras recomendadas”, apunta Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa.

Así mesmo, o Concello mantén sempre unha actitude de alerta e de verificación do funcionamento das instalacións municipais de abastecemento e saneamento, co obxectivo de garantir que as incidencias que se poidan producir ocasionen o menor impacto posible nas augas da nosa ría e nos espazos naturais.

Doutra banda, o Concello tamén recibiu estes días confirmación de que Augas de Galicia realizará labores de mantemento na canle fluvial do Rego da Pena. Neste sentido, o alcalde móstrase satisfeito porque tiveran en conta as continuas peticións do goberno local nos últimos anos, e “confiamos en que estes traballos se fagan extensivos ao resto de canles da súa competencia”, remarca Juncal.