Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu repartirá 300 manteis entre a hostalaría para celebrar o Día de Rosalía

O Concello de Bueu, no marco dunha campaña da Deputación de Pontevedra, repartirá 300 manteis entre a hostalaría bueuesa para celebrar o Día de Rosalía. Os establecementos interesados en contar con estes manteis rosalianos poderán achegarse a partir do luns ao 2º andar da Casa do Concello para recollelos. A entrega farase por orde de petición ata esgotar existencias, e os locais participantes terán que comprometerse a poñer os manteis o mércores 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía.

O deseño baséase no coñecido caldo de gloria de Rosalía, no que se fai alusión á gastronomía tradicional galega, humilde e cunha gran simboloxía social. Nos manteis, ademais de incluírse o poema “Miña casiña, meu lar” de Follas novas, explícase a historia dunha muller pobre que conta a súa épica diaria para sobrevivir. Ela vai de Santiago de Compostela a Padrón, chega á casa mollada e esfameada, e, a pesar de que carece de todo e de que os seus avaros veciños lle negan o que lles sobra, consegue o milagre da supervivencia: facer un humilde caldo de gloria e un bolo do pote. No seu triunfo sobre a desventura e a pobreza, ao pé da quentura da lareira no seu fogar, está tamén a lección de como, con case nada, o ser humano é quen de sobrevivir e, ademais, ser feliz.