Un gran mural de Cabo Udra no Ceip Montemogos de Beluso
O Ceip Montemogos de Beluso inaugurou a pasada semana un gran mural do artista moañés Alejandro López Casas no que se representa a contorna de Cabo Udra. Félix Juncal, alcalde da vila, tivo a oportunidade de participar no acto xunto ao profesorado, alumnado e familias.
O mural conta cunhas dimensións de dúas plantas de alto e 80 metros cadrados que destaca polo seu gran colorido e por ser unha deconstrución do espazo de Cabo Udra cun cormorán e un lagarto arnau gozando do solpor. A obra partiu duns talleres previos cos nenos e nenas da man da educadora Begoña Araújo de Miguel, nos cales se fomentou o compromiso social e o traballo en equipo.
O rexedor destacou que “sempre é un pracer formar parte e poder admirar as propostas que saen dos centros educativos da vila, que contan cun gran potencial”.