Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu licita o servizo de ludoteca de verán para tres anos

  • O prazo de presentación de ofertas por parte das empresas estará aberto ata o 19 de maio
  • Unha vez adxudicado o contrato, o Concello abrirá as inscricións para este verán, no que o programa se estenderá do 23 de xuño ao 5 de setembro

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para o servizo de ludoteca de verán durante tres anos. As empresas interesadas en levar a cabo o programa “Concilia Bueu” deberán presentar as súas ofertas ata o 19 de maio sobre un orzamento base de 102.800 € para tres anos.

Os pregos coas condicións técnicas e económicas xa foron publicados na Plataforma de Contratación do Sector Público, e as bases recollen que o custe anual do servizo será de case 37.700 € e que se desenvolverá dende o 23 de xuño ao 5 de setembro deste ano, con posibilidade de dúas prórrogas máis para as restantes anualidades. Despois de que o contrato se adxudique, o Concello abrirá o prazo de inscrición para as familias.

O programa promove que durante tempada estival os nenos e nenas de entre 4 e 12 anos conten con alternativas de ocio adaptadas ás circunstancias actuais, o que reverterá na conciliación laboral e familiar. As propostas de lecer fomentarán a coeducación, ferramenta indispensable para a consecución dunha sociedade igualitaria, e desenvolverase en diversos espazos.

Entre os obxectivos están favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo un espazo aberto de servizo educativo, asistencial e de ocio e tempo libre da cativada; apoiar á unidade de convivencia dando resposta ás necesidades de recursos das nais e país; fomentar actividades lúdico-formativas que posibiliten unha ocupación do tempo libre; ofertar diversas actividades e iniciativas lúdico- didácticas acordes cos intereses, motivacións e gustos dos/as destinatarios/as; ou atender á diversidade daqueles/as nenos/as en desvantaxe psicosocial e/ou sociocultural.

Dende a concellaría de benestar social implementouse o pasado ano este servizo, cun aumento no número de prazas e tamén das datas do Concilia, que antes abarcaba só os meses de xullo e agosto e que agora cubre tamén a última semana de xullo e primeira de setembro, coincidindo co período non lectivo e para favorecer unha mellor conciliar laboral e familiar.