Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Sira Vidal Laxe gaña o XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra ‘O espertar do teu nome’

  • O xurado destacou que se trata dun relato que “aborda o importante tema da emigración tamén vivida polas mulleres en Galicia e os prexuízos aos que antes e agora elas se viron sometidas”
  • O concurso iniciouse no 2005 coma unha homenaxe á mestra Matilde Bares e para reflexionar sobre a igualdade e a violencia de xénero

A santiaguesa Sira Vidal Laxe resultou gañadora do XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra “O espertar do teu nome”. O xurado, conformado por Eva Mejuto, Fátima Chamadoira e Arturo Sánchez Cidrás, reuniuse este luns, coincidindo co Día Internacional das Mulleres, nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato como gañador. Del destacaron que é unha historia a dous tempos que trata da descuberta dun segredo familiar que acaba facendo que a protagonista se enfronte con outra perspectiva ao seu futuro, no que se aborda o tema importante da emigración tamén vivida polas mulleres en Galicia e os prexuízos aos que antes e agora se viron sometidas.

A autora farase cunha dotación económica de 1.500 euros, e o relato publicarase proximamente da man do Concello. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia machista, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.

O premio, nacido no 2005, rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces.

Entrega premio a Eva Mejuto, e presentación ‘As fillas da Manola’ e

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, aproveitaron para entregarlle o premio a Eva Mejuto, quen fora galardoada na pasada edición do certame, e á que se lle deu unha placa conmemorativa elaborada pola artista pontevedresa Paula Pereira, acompañada dun lote de libros.

Entrega do premio a Eva Mejuto, gañadora da pasada edición

Ademais o próximo venres, 12 de marzo, María López Correa, gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares presentará o seu libro ‘As fillas da Manola’ nun acto que terá lugar ás 20.00 h na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. Esta actividade forma parte da programación da ‘Semana da Muller’ que organiza o Concello con motivo do Día Internacional das Mulleres. As persoas que desexen asistir deberán inscribirse previamente a través dun formulario web, dado que o aforo é limitado debido ás restricións da Covid-19.