Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Silvia Carballo e Martín Villanueva, na radio do Ceip A Pedra

  • Os edís foron entrevistados polo alumnado de 3º de primaria do centro, que este ano celebra os cincuenta anos

Lembrar a infancia moitos anos despois sempre supón un exercicio de ledicia. Así o sentiron Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Martín Villanueva, edil de urbanismo, quen acudiron ao CEIP Plurilingüe A Pedra para participar nas entrevistas realizadas polo alumnado de 3º de primaria. Esta actividade forma parte dun proxecto da aula no que os nenos e nenas traballan arredor do coñecemento da vila de Bueu, e que tamén coincide coa celebración do cincuenta aniversario da fundación do colexio.

Carballo e Villanueva lembraron anécdotas dos seus anos como estudantes no colexio, e contáronlles aos rapaces e rapazas experiencias relacionadas cos seus recordos e co profesorado, ademais doutras cuestións do día a día. A seguinte semana é probable que asista o alcalde para participar nesta rolda de entrevistas que se gravaron no estudio de radio “A voz da Pedra”, que se sitúa nas dependencias da biblioteca escolar.

As entrevistas enmárcanse nun proxecto do centro de investigación sobre a vila de Bueu, e o alumnado tivo a ocasión de visitar a semana pasada as dependencias municipais para coñecer o funcionamento dos órganos de goberno e servizos administrativos, e tamén trasladaron as súas peticións e suxestións.

Ao remate, os nenos e nenas agasallaron aos concelleiros cunha cunca na que inseriron a imaxe de Papirus, a mascota da biblioteca.