Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu continúa co plan de acondicionamento e limpeza dos espazos públicos

  • O alcalde visitou diversos parques e lavadoiros da parroquia de Cela onde se levan a cabo esta semana os traballos
  • Así mesmo, na Recta do Peón, en Beluso, estanse desbrozando as beirarrúas, e repararanse as lousas soltas

Félix Juncal, alcalde de Bueu e encargado da área de obras e servizos, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Ricardo Verde, edil de deportes e sanidade, visitaron este xoves algúns lugares da parroquia de Cela nos que se comezou co plan de limpeza e acondicionamento de cara á tempada primaveral e estival, que coincide co bo tempo e coas maiores saídas da cidadanía. Así, a brigada de obras e servizos está acometendo unha limpeza en profundidade na zona do Torrecino de Cela, onde se levan a cabo actividades municipais como as ximnasias e outras por parte de diversos colectivos culturais e sociais da vila. Os traballos consisten nun chorreo e baldeado con máquina, e irase estendendo nas próximas semanas a outros lugares.

Ademais, na parroquia de Cela deron comezo os traballos de adecentamento de espazos públicos e zonas próximas aos parques e lavadoiros, concretamente nos lugares do Burgo, Beloso, Cabreira, ou Gándara. Neste sentido, Juncal apunta que “nas vindeiras semanas intensificaremos as actuacións en todos os lugares das tres parroquias, con especial atención aos viais municipais, ás beirarrúas, aos parques e ás prazas”. 

Así mesmo, esta semana unha brigada está desbrozando e limpando as beirarrúas da Recta do Peón, na parroquia de Beluso, onde a continuación se repararán as lousas para culminar cun baldeo, e o seguinte espazo a acondicionar será o Recinto da Morada, no lugar de Meiro.

O rexedor avanza tamén que entre abril e maio está previsto que se leve a cabo o formigonado de varios camiños públicos xa programados con anterioridade.