Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Rematan as obras de construción das beirarrúas na PO-315 ao seu paso por Achadiza

O lugar de Achadiza, na parroquia de Beluso, xa conta con beirarrúas de formigón que permiten a accesibilidade da cidadanía na estrada autonómica PO-315. Este luns, Agustín Reguera, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e María Martínez Allegue, xefa territorial de infraestruturas, supervisou o remate destas obras que foron acometidas polo organismo autonómico, e nas que estivo acompañado de Félix Juncal, alcalde da vila, Isabel Quintás, tenente de alcalde, Celso Dopazo, concelleiro de mantemento de vías públicas, e Elena Estévez, voceira do PP.

Os traballos, que viña demandando o Concello de Bueu e a veciñanza ao longo de moitos anos, contaron cun investimento da Xunta de máis de 330.000 euros e consistiron na construción dunha beirarrúa de formigón de dous metros de ancho que se estende por preto de 600 metros entre os puntos 2+150 e 2+750 desta estrada. Esta nova beirarrúa permite mellorar a seguridade das persoas viandantes, e tamén a conecta coa xa existente na Rúa Nova de Arriba, no centro de Beluso.

Ademais, as obras incluíron a instalación de dúas paradas de autobús cubertas e a substitución do firme naquelas zonas onde estaba máis deteriorado. A Xunta aproveitou os traballos para mellorar tamén o sistema de saneamento, para instalar novos puntos de luz e para mellorar a sinalización viaria.