A Mancomunidade do Morrazo ampliará os puntos limpos de proximidade na comarca
- Este proxecto sumará seis novos mini puntos limpos nos tres concellos, que facilitan a reciclaxe selectiva e reforzan o servizo do Punto Limpo
- O ente supramunicipal vén de acadar unha subvención da Consellería de Medio Ambiente por importe de 27.000 €
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo ampliará os puntos limpos de proximidade na comarca, continuando así coa aposta pola reciclaxe. Isto será posible grazas a unha subvención de 27.000 € (90% do custo total do proxecto) da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, co financiamento da Unión Europea-Next GenerationEU, que vén de acadar e que permitirá a adquisición de seis novos puntos limpos (serán dous para cada municipio) e placas braille que se instalarán neles co fin de que sexan accesibles para o maior número de persoas. A través destes puntos limpos, o ente supramunicipal segue fomentando a recollida selectiva de residuos especiais de pequeno e mediano tamaño, facilitando o seu depósito por parte da cidadanía. De feito, dende a súa posta en marcha en xuño de este ano, xa se recolleron máis de 4000 quilos.
Estes dispositivos de reciclaxe, que xa funcionan nos tres concellos morracenses, presentan diversos compartimentos para a recollida selectiva da cidadanía e reforzan o servizo do Punto Limpo. Neles pódense depositar, de forma independente, tubos fluorescentes, pilas e baterías, cartuchos de tinta e tóner de impresoras, pinturas, disolventes e sprays, pequenos aparellos metálicos, lámpadas de baixo consumo, pequenos e medianos RAEEs, cápsulas de café, radiografías, e CD e DVD. Despois, eses residuos son enviados ao Punto Limpo da Mancomunidade. Tal e como se destaca dende a Mancomunidade, o proxecto conta con beneficios medioambientais e económicos, como o aumento das ratios de recollida e xestión sostible, a redución dos gases de efecto invernadoiro xerados por carburantes tradicionais ao evitar os traslados en vehículos ao Punto Limpo, a redución dos verquidos incontrolados no medio natural, e a minimización dos custes de transporte e xestión dos residuos mal separados (depositados no colector de resto).