Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno deste xoves mostra a súa unanimidade coa aprobación de varias mocións

A proposta da retirada do apoio á Declaración da Illa de Ons como Patrimonio da Humanidade quitouse da orde do día, debido ao acordo acadado o pasado mércores

O Centro Social do Mar foi o espazo elixido para o primeiro pleno ordinario da corporación tras a tempada estival, e nel aprobáronse por unanimidade dúas mocións. A primeira delas, presentada polo PSOE, facía referencia ao inicio do expediente para o restablecemento na aplicación do 100% das retribucións en materia de incapacidade temporal para todo o persoal municipal, de acordo cos artigos 4 e 146 3º da Lei 2/2015 do empregado público de Galicia, así como do artigo 12 da Lei 3/2018, do 26 de decembro de medidas fiscais administrativas da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2018.

Tamén por unanimidade se aprobou a moción para apoiar as accións programadas no marco da #EmerxenciaFeminista prevista para este venres 20 de setembro, e pola que se iluminará de violeta a fachada da Casa do Concello. Nesta proposta, tratada na Xunta de Voceiros anterior a petición da voceira do Partido Popular, a corporación mostra un pronunciamento público da corporación municipal contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres, contra a normalización da mesma, e contra a apatía e a indiferenza.

Por último, o pleno acordou por unanimidade quitar da orde do día a moción que solicitaba a retirada do apoio á Declaración da Illa de Ons como Patrimonio da Humanidade mentres non se respectasen os dereitos da veciñanza. Esta decisión veu dada despois de que o pasado mércores se celebrase unha xuntanza coa Conselleira de Medio Ambiente e co Conselleiro de Cultura, na que tamén estiveron presentes os voceiros dos grupos municipais e da veciñanza. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou na sesión plenaria que “se conseguiu un acordo que recolle case todas as reivindicacións da veciñanza, que viña reclamando desde comezos do verán o acceso ás súas vivendas”. O rexedor felicitou a todas as persoas que se uniron e loitaron con constancia polos seus dereitos, o que supón “un antes e un despois en todo o que ten que ver con Ons”. Pola súa banda, Julio Villanueva, voceiro de ACB, apuntou que “creo que agora si podemos apoiar a Declaración de Patrimonio da Humanidade, aínda que coa esperanza de que a Xunta cumpra cos compromisos”.