Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello está deseñando un proxecto de camiños escolares

A experiencia do que supuxo a habilitación da senda do río Bispo é o que leva ao goberno local de Bueu a traballar no deseño dun proxecto de camiños escolares, que ten un duplo obxectivo: por unha banda, mellorar a mobilidade, fomentar a relación co medio ambiente e o clima (redución de CO2); e, por outra, promover o coñecemento do entorno a través do contacto entre as xeracións máis novas.

Así o salientan Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Tamara Sotelo, concelleira de medio ambiente, quen avanzan que a primeira das liñas estratéxicas se centrará no ámbito urbano da vila, partindo da zona na que xa se actuara a través da senda do río Bispo, unha área que funcionará como epicentro deste centro de información e interacción. Os camiños abranguerán unha distancia de algo máis de tres quilómetros, e neles realizaranse diversos traballos de limpeza, melloras dos firmes e sinalización a fin de facilitar o acceso por parte dos máis pequenos e pequenas que poderán ir camiñando aos distintos centros educativos.

O goberno proxecta esta actuación, que tamén se estenderá no futuro polas parroquias, coa idea de recuperar o valor dos camiños tradicionais como parte importante e intrínseca da nosa sociedade. Este proxecto suporá, pois, unha “nova era na mobilidade urbana”, o que redundará nunha mellora da saúde e da calidade de vida das persoas, ao tempo que se fomenta as relacións entre os seres humanos e o medio ambiente.

Este proxecto encádrase no marco das accións que o Concello de Bueu levará a cabo co Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, cuxa elaboración se licitará nas próximas semanas.